Aymerich: "O PP xa está facendo simulacións sobre o que significaría unha división do voto nacionalista"

Carlos Aymerich, na conferencia deste xoves na Coruña Dominio Público Praza Pública

Cinco días despois de que Máis Galiza decidise abandonar o BNG, o que fora o seu líder, Carlos Aymerich, que apostou por permanecer na fronte, ofreceu unha conferencia na Coruña sobre O futuro da esquerda, dentro do ciclo organizado pola Asociación Cultural Namentras. No acto, ao que asistiu numeroso público, Aymerich fixo un retrato da actual crise sistémica, tanto económica como política, e incidiu nas consecuencias que ten na degradación da democracia: "Este sistema é incompatible coa democracia", dixo, e fixo un símil entre os diferentes dereitos aos que accede o 1% da poboación e o 99% coa voda da filla de Amancio Ortega, que tivo lugar hai unhas semanas en Cambre: "a xente miraba a voda polas rendixas, como o 99% pelexa por recoller as migallas que deixa o 1%"

Aymerich preguntouse "cal é o proxecto político distinto" das persoas que deixaron o BNG

Na conferencia e no debate posterior falou en varias ocasións sobre a ruptura do BNG e reafirmouse na súa decisión de permanecer na organización: "Estamos nun momento de sumar e non de dividir. Eu son crítico co meu país e por iso quero transformalo; e de igual xeito son crítico co meu partido e por iso quero transformalo". Aymerich recoñeceu que no Bloque hai problemas "que veñen de atrás" e que fan que a vida interna "non sexa agradable", sobre todo para os que non vimos "dunha cultura política marxista-leninista". Pero en todo caso, sobre as persoas e organizacións que abandonaron o BNG preguntouse "cal é o seu proxecto político distinto" do do Bloque.

 

Que conclusión se pode tirar do debate de política xeral desta semana?

Hai un goberno esgotado, sen ideas. A única proposta é a fusión de dous concellos, incerta e sen consultar cos veciños, pero Feijoo non nos dixo como vai combater o desemprego, ou como vai solucionar o problema do naval. Fronte a un goberno esgotado é importante que teñamos unha alternativa, e unha alternativa viábel.

Como analizas a decisión da maioría dos afiliados de Máis Galiza de abandonar o Bloque?

Os homes e mulleres que quedamos no BNG quedamos por coherencia; somos persoas do BNG e estar en +G era defender a nosa maneira de ver as cousas. Eu xa dei a cara dúas veces, liderando a alternativa á UPG e antes da asemblea de Amio xa dixen que asumiría os resultados e que se non era elixido traballaría dende dentro

Nesta conferencia dixeches que a división, tan cerca das eleccións, podería beneficiar ao PP...

Co sistema electoral que temos, coa lei d'Hont e coa barreira do 5%, calquera división deses espazos beneficiaría ao PP, sen prexulgar a boa fe das persoas que decidiron marchar. O Partido Popular xa está facendo simulacións sobre o que suporía unha división do voto nacionalista. O PP de acordo coas últimas enquisas non vai subir en votos con respecto ao 2009, pero unha división dos votos nas alternativas si lle poden supoñer un aumento en escanos. E iso non sería un bo servizo para o país.

"Nós non imos andar esmolando eses cambios, porque non estamos pedindo postos, nin é algo que nos vaia beneficiar a nós"

Agardas algún xesto da dirección do BNG neste momento?

Se o que se pretende, como dixo Jorquera, é que fagamos piña, para que o BNG avance, é evidente que vai haber cambios. Pero nós non imos andar esmolando eses cambios, porque non estamos pedindo postos, nin é algo que nos vaia beneficiar a nós. É algo que beneficiará ao BNG e ao conxunto do país.

"A unidade tense que dar todos os días, non só o día 29. E CC.OO. e UGT están continuamente excluíndo das negociación a CIG, ELA ou LAB"

Como valoras, en primeiro lugar, que a folga xeral do 29 de marzo vaia ser unitaria; e en segundo lugar que vaia haber dúas manifesacións: unha liderada pola CIG e outra por Comisión e UGT?

Avalío positivamente que CC.OO. e UGT decidiran sumarse á convocatoria da folga no día 29. Que non haxa manifestación conxunta non é novo. A unidade tense que dar todos os días, non só o día 29. E CC.OO. e UGT, na súa condición de sindicatos máis representativos, están continuamente excluíndo das negociación a CIG, ELA ou LAB, o que sería un reflexo da realidade plurinacional do Estado.

Carlos Aymerich, na conferencia deste xoves na Coruña Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.