Baixan os soldos, soben as escolas infantís

Feijóo e a conselleira de Benestar, nunha escola infantil © Xoán Crespo

O índice de prezos ao consumo (IPC) experimentou unha suba do 2,2% entre xuño de 2012 e xuño de 2013, segundo datos do Instituto Galego de Estatística. Atendendo ás bases de datos do propio IGE o custo salarial rebaixouse en Galicia en termos interanuais nun 0,41% no primeiro trimestre de 2012, nun 1,38% no segundo, nun 2,25% no terceiro e nun 7,73% no cuatro trimestre. Ao peche do pasado exercicio económico o custo laboral galego era de 2.256,23 euros de media, un 6,6% menos que no remate de 2011. Neste contexto, a Consellería de Traballo e Benestar elixe o primeiro dos indicadores, o dos prezos, para "actualizar" as tarifas das súas escolas infantís

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar unha resolución na que incrementa os prezos destas escolas de maneira xeralizada. Non se trata dunha suba tan significativa como a do pasado ano, cando o departamento que dirixe Beatriz Mato aumentou as taxas en máis dun 20%, chegando a duplicar o prezo dalgúns servizos como o comedor, pero si é unha medida con significado político no devandito contexto de caídas salariais. Así, as familias usuarias das escolas terán que facer fronte a subas de entre 36 céntimos e 5 euros, en función da renda.

O IPC subiu un 2,2% nun ano mentres en 2012 os salarios caeron un 6,6% en Galicia

Da aplicación da suba do IPC resulta, por exemplo, que o "prezo da atención educativa en xornada completa" pasa de 160 a 163,52 euros ao mes. No caso do comedor, o seu importe queda en 71,54 euros, 1,54 máis que o ano pasado pero case 40 máis que antes da importante suba de 2012. No caso do alumnado das escolas infantís que utilice o comedor "algún día solto", o prezo sitúase en 4,09 euros, nove céntimos máis que en 2012. Esta taxa "non está suxeita a ningunha redución".

As familias que ingresan 1065 euros ao mes xa teñen que pagar o prezo completo, máis de 200 euros ao mes por praza

Para calcular estas reducións a referencia utilizada pola Xunta é o Indicador Público de Rendas con Efectos Múltiples (IPREM), un índice que o Goberno central mantén dende hai tres anos conxelado en 532,51 euros mensuais. Así, por exemplo, só terán escola infantil de balde as familias cunha renda inferior ao 30% do IPREM, isto é, que ingresen uns 159 euros ao mes, e as familias que cheguen ao 50% dese indicador pero que non utilicen o servizo de comedor. De aí en diante todos os usuarios e usuarias teñen que pagar unhas tarifas que van dende os 16,86 ata os 235,06 euros que lles corresponden ás familias con rendas "superiores ao 200% do IPREM", isto é 1065,02 euros ao mes.

Feijóo e a conselleira de Benestar, nunha escola infantil © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.