“Nas dúas últimas eleccións xerais Ourense foi a segunda provincia con maior porcentaxe de apoio ao PP de España”. Así lle marcou o terreo a Mariano Rajoy este martes o presidente da Deputación de Ourense e do PP provincial, José Manuel Baltar, imputado por prevaricación e suborno por supostamente ofrecerlle un traballo a cambio de sexo a unha muller tamén investigada no mesmo caso. Baltar mesmo alardeou do poder que exerce o PP provincial que el domina desde que o herdou do seu pai e enumerou os seus resultados: “27.000 afiliados, 509 concelleiros, 75 alcaldes [dun total de 92 municipios] e 14 de 25 deputados provinciais”.
O presidente do Goberno de España contéstalle garantíndolle que protexerá as deputacións: “Niso, Baltar, non teñas a máis mínima dúbida, que nos poderemos mirar para outro lado noutras cousas, poucas, pero nesas nunca”.
Despois de todo o día xuntos percorrendo varias vilas da provincia pero sen facer declaracións aos medios de comunicación que os acompañaron, Rajoy e Baltar compartiron mitin no Carballiño. Foi alí onde Baltar fixo ver o poder que acumula. Tras a súa intervención, Rajoy subiu ao escenario e, despois de varias referencias á situación estatal e á candidatura de Feijóo á presidencia da Xunta, o presidente do Goberno en funcións recolleu a luva que lle lanzou o seu anfitrión e, nunha campaña autonómica e non municipal, dedicou boa parte do seu discurso á cuestión provincial.
“Temos un gran presidente provincial, que o é da Deputación tamén”, dixo sobre Baltar, explicitándolle así o seu aval a pesar da súa imputación e á forma en que herdou os dous cargos do seu pai, José Luis Baltar, condenado por prevaricación por enchufar a 104 afíns ao PP no marco do congreso provincial do partido que lle entregaría o poder ao seu fillo. Rajoy apelou mesmo á súa propia mocidade para mostrarse próximo a Baltar: “Fun presidente da Deputación de Pontevedra, e sei para que serven as deputacións, entre outras cousas para garantir a igualdade entre aquelas persoas que viven nas grandes cidades e aquelas que viven nos núcleos rurais”, dixo.
“Nós imos defender as Deputacións e os pequenos municipios”, asegurou Rajoy, e a continuación lanzou unha das súas crípticas frases: “Por tanto, niso, Baltar, non teñas a máis mínima dúbida, que poderemos mirar para outro lado noutras cousas, poucas, pero nesas nunca, que aquí en España haberá deputacións provinciais e haberá o adecuado tratamento do mundo rural”. Non aclarou a que se refería con esas “outras cousas” nas que mira "para outro lado".