Baltar bloquea o acceso da veciñanza á Deputación e PSdeG e BNG denunciarano

O PP, votando en solitario CC-BY-SA Praza Pública

José Manuel Baltar atrinchéirase política e case fisicamente. A Deputación de Ourense celebraba este venres o seu pleno ordinario, o primeiro desde a dimisión en pleno do comité ético que abordaba a oferta de emprego por sexo pola que unha muller denunciou ao presidente. O pazo provincial amenceu blindado e, cando un amplo grupo de veciñanza que pretendía seguir a sesión tentou acceder ás instalacións, atopouse cun veto de acceso polo que PSdeG e BNG se dispoñen a denunciar a Baltar.

Alcaldes, concelleiros e simpatizantes do PP coparon, segundo fontes consultadas por Praza Pública, todos os postos destinados ao público desde hai unha semana. O propósito, indican as mesmas fontes, era evitar que tamén desde as bancadas reservadas á cidadanía se lle esixisen explicacións a Baltar polo escándalo. Nestas circunstancias, e mentres efectivos da Policía Nacional -o subdelegado do Goberno en Ourense é un destacado baltarista- impedían o acceso, os grupos da oposición decidiron plantar ao barón popular por segundo pleno consecutivo e só interviñeron para manifestar a súa indignación.

"Atopámonos con máis Policía que xente esperando, son vostedes uns impresentables", clamou desde o seu escano o portavoz socialista, Ignacio Gómez. "Esta é a casa de todos os cidadáns, tamén dos que están avergoñados" polo caso Baltar, indica o socialista, que esixiu sen éxito en media ducia de ocasións que Baltar explicase "por que non deixou pasar á xente". "Que diferenza hai entre estas persoas e as que están abaixo? Que non son cargos do PP?", pregúntase.

"A institución non é do presidente", advertiulle a Baltar o portavoz do BNG, Ramiro Rodríguez, quen lucindo un adhesivo contra o acoso sexual lamentou a "intolerable apropiación en beneficio propio" que, ao seu xuízo, o presidente está a realizar na institución. O Bloque, resalta, auséntase do pleno para "estar cos veciños que lle piden explicacións por un tema gravísimo" mentres Baltar "o único que fai é desprestixiar" a Deputación coa súa permanencia no cargo. "Non sei como non se lle cae a cara de vergoña, dás pena, dás noxo", espetoulle, á súa vez, o portavoz de Democracia Ourensá, Gonzalo Pérez Jácome.

Nun tensísimo clima que mesmo derivou en que algún dos cargos populares presentes entre o público se encarase co portavoz do PSdeG, o Grupo Popular continuou tramitando en solitario todos os asuntos da orde do día en aras, din, da "democracia". Mentres, no exterior, PSdeG e BNG, dispúñanse a tramitar senllas denuncias polo bloqueo ao público. "Deberían saber que hai cargos públicos inhabilitados por actuacións semellantes", advertía Gómez mentres membros do Bloque, tras formularen reclamacións formais na propia Deputación, se dirixían xa ao xulgado de garda para tramitar a demanda.

Baltar, nun intre do pleno CC-BY-SA Praza Pública
Ignacio Gómez, voceiro do PSdeG CC-BY-SA Praza Pública
O voceiro do BNG, cun autocolante contra o acoso CC-BY-SA Praza Pública
Gómez, encarándose con cargos e simpatizantes do PP tras ser increpado CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.