Baltar, "convencido" de que non cumpría "publicitar" os postos dos seus presuntos enchufados

Baltar e Feijóo, no congreso do PP de Ourense en 2010 © PPdeG

Din os haxiógrafos de Alberto Núñez Feijóo que o líder do PP en Galicia non sabe o que é a derrota dende que, o 1 de marzo de 2009, logrou contra todo prognóstico a maioría absoluta fronte a PSdeG e BNG. Ese relato é certo se é lido en termos puramente electorais mesmo nas eleccións europeas de maio, nas que malia perder 200.000 votos e acadar o seu peor resultado en vinte e cinco anos o PP seguiu sendo o partido máis votado en Galicia. Pero a lenda vitoriosa do presidente esvae se no seu rexistro se computa a vida interna do partido: a finais de xaneiro de 2010 Feijóo e o seu círculo artellaron unha operación para tentar derrotar a familia Baltar no congreso do PP de Ourense no que Manuel Baltar, o fillo, se dispuña a substituír na presidencia a José Luis Baltar, o pai. Nese congreso tiñan dereito a voto moitas das 104 persoas que en datas próximas se incorporaron a traballar á Deputación provincial, na altura aínda presidida polo patriarca, no que para a Fiscalía foi un acto de enchufismo masivo orientado a asegurar o relevo xeracional no partido. Baltar pai sentou este luns no banco dos acusados por este caso, inicialmente denunciado polo PSdeG. Dende alí argumentou que el non sabía que eses postos na institución pública tiñan que ser "publicitados".

Máis de catro anos despois de que o candidato avalado por Feijóo, Juan Manuel Jiménez, saíse derrotado do enésimo congreso triunfal do baltarismo, produciuse a imaxe que moitos agardaban na provincia na que a saga reina dende hai tres décadas. Baltar, xa xubilado e apartado da militancia no PP, enfróntase a unha condena por presunta prevaricación continuada que non tería efecto práctico ningún -sería inhabilitado- pero un indubidable significado político. Na súas respostas ao fiscal e ao seu propio avogado -negouse a contestarlles aos letrados do PSOE e da organización dereitista Manos Limpias- o veterano político asegurou que o cento de contratacións non estiveron motivadas polo congreso do PP que gañou o seu fillo, senón porque había seis meses que "os diferentes servizos" da Deputación "non tiñan contratacións". Quedaran "sen 120 traballadores e me pedían con insistencai que fixese contratos", di.

Baltar admite que el mesmo seleccionaba contratos e lle daba indicacións ao xefe de persoal

El, asegura, "descoñecía a ordenanza que asinei en 2004" e que, como en calquera institución pública, establece que as contratacións deben estar presididas polo principio de publicidade e transparencia. Estaba "convencido de que as contratacións non precisaban publicidade" por tratarse dun procedemento urxente. Neste proceso, igual que no resto dos seus mandatos, asegura que non tivo reparo ningún por parte dos funcionarios encargados da contratración pública. Tampouco cando el mesmo realizaba "unha selección xenérica" dos currículos que lle chegaban nin cando lle indicaba ao xefe de persoal, fillo dun alcalde do PP, que "contase" cunha persoa concreta para un posto determinado.

As explicacións de Baltar ante o tribunal, ofrecidas mentres no exterior dos xulgados algúns dos seus afíns -entre eles, o deputado autonómico Antonio Mouriño- se concentraban para apoialo, únense ao argumentario lanzado polo PP ourensán nada máis coñecerse que quen fora o seu  líder omnímodo ía ser xulgado. Daquela o número dous do partido na provincia e líder da oposición no Concello de Ourense, Rosendo Fernández, considerou o "comportamento" dos socialistas, autores da denuncia, como "ruín e tendencioso" e desexoso de "protagonismo". "O PP -dixo daquela Fernández- non é un partido de dicir 'e ti, máis", o que non lle impide acusar os socialistas de enchufar "centos de afiliados e simpatizantes". Ademais, defende, das 104 persoas presuntamente enchufadas "só 42 comezaron a traballar na Deputación antes do 30 de xaneiro de 2010, data do congreso" e "só seis foron compromisarios" nesa cita.

 

 

 

Baltar e Feijóo, no congreso do PP de Ourense en 2010 © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.