Baltar, Currás e Bárcenas amárganlle a festa a Feijóo

Feijóo, no congreso de 2009 © PPdeG

Hai poucos actos políticos máis plácidos que un congreso do PP cando este partido está no Goberno. Sucedeu, por exemplo, en 2009. Alberto Núñez Feijóo viña de lograr a Presidencia da Xunta e a cita congresual converteuse nunha caste de longo mitin post electoral. A aclamación ao líder foi case total e, á marxe desta, as escasas novas que saíron da cita foron o nomeamento dun voceiro da formación ou momentos máis ou menos anecdóticos protagonizados por Mariano Rajoy ou Manuel Fraga. Este era o plan dos conservadores galegos para o cónclave que inician este sábado en Lugo: tras unha nova vitoria autonómica, novo congreso de aclamación, desta volta coa única incógnita de se Alfonso Rueda recunca ou non como secretario xeral. Pero a sombra dos presuntos casos de corrupción en Galicia e no Estado e a mestura destes con liortas internas están a ensombrecer a cita.

No roteiro marcado polos conservadores figuraba que ás poucas horas do inicio do congreso o que se falase en torno a el fose, esencialmente, que Feijóo estaba a repetir unha vez máis a estratexia de non revelar ata o último momento a designación dos seus cargos subordinados, neste caso da secretaría xeral e tamén da portavocía, toda vez que Antonio Rodríguez Miranda, flamante secretario xeral de Emigración, abandona este posto. Pero nos primeiros días do ano o alcalde de Santiago, Ángel Currás, foi reclamado pola xuíza Pilar de Lara para declarar como imputado no caso Pokémon. A implicación xudicial non preocupa neste caso excesivamente entre os dirixentes conservadores, convencidos de que o rexedor compostelán non incorreu en ilegalidades. O que si desacouga é que a imputación de Currás serviu para darlle un bo meneo á caixa de bombas na que se converteu o grupo municipal do PP, cun alcalde con cada vez menos apoios. O enfrontamento é tal que ata o propio Rueda se viu obrigado realizar un chamamento á orde e, o que é menos habitual, a facelo en público.

Os casos de presunta corrupción e a súa mestura con liortas internas ensombrecen un congreso concibido para aclamar a Feijóo

Pero a de Santiago non é a única nube negra que pairará sobre o pazo de feiras de Lugo. Nin sequera a máis importante. A outra virá do sur, concretamente de Ourense, e ten o apelido que máis eleccións lle axudou a gañar a Feijóo, pero tamén o que máis dores de cabeza lle deu no que á vida interna do partido se refire. Poucos días despois de coñecerse a imputación de Currás saía á luz a asunción por parte da Fiscalía da querela presentada polo PSdeG polas máis de cen contratacións realizadas na Deputación de Ourense a escaso tempo do congreso provincial do partido en 2010, no que José Luis Baltar foi substituído no liderado por Manuel Baltar. A admisión a trámite da querela por parte do xuíz púxolle a Feijóo en bandexa a oportunidade de forzar a baixa de militancia de Baltar pai, a quen lle desexa "toda a sorte posible", e de advertir a Baltar fillo de que a dirección autonómica pode artellar unha nova operación para tentar derrubar o baltarismo. Pero todo isto non impedirá que Manuel Baltar tome a palabra en Lugo nin que a súa imaxe apareza alén do Padornelo vinculada á de Feijóo.

E co panorama galego nada escaso de turbulencias as informacións publicadas polo diario El Mundo devolveron ao primeiro plano da actualidade a un dos presuntos protagonistas da trama Gürtel, o ex tesoureiro do PP e antigo senador por este partido, Luis Bárcenas. Os máis de 20 millóns de euros supostamente agochados en Suíza e os cartos en negro presuntamente recibidos durante anos por altos cargos conservadores non afectan -a priori- directamente ao PP galego pero si o desestabilizan, toda vez que Feijóo é considerado un dos baróns con máis peso na formación. O propio presidente da Xunta ocupouse de cargar con dureza contra Bárcenas ante as cámaras pero, así e todo, esta fin de semana o cónclave galego aparecerá mediaticamente ligado ao escándalo, especialmente cando apareza en escena María Dolores de Cospedal, representante da dirección estatal no evento. Ao contrario do sucedido en 2009, Mariano Rajoy non acudirá.

Fronte a estes ventos e mareas a mensaxe oficial que o PPdeG tentará transmitir é que os relatorios que van aprobar no congreso "redundan nas políticas iniciadas por Feijóo", xa que a súa militancia non "aprecia a necesidade de xuros significativos na doutrina do partido". Ademais, subliñarán a aprobación dos seus estatutos, que "identificarán o galeguismo de Fraga como referente do partido". Ademais, renderanlle homenaxe ao ex presidente no seu primeiro cabodano.

Feijóo, no congreso de 2009 © PPdeG
Imaxe corporativa do congreso © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.