Baltar desbota que o seu caso prexudique o PP en campaña e traballará por unha "gran vitoria" de Rajoy

Rajoy, xunto a Feijóo, Vázquez e Baltar, nun peche de campaña © PPdeG

O baltarismo e Mariano Rajoy nunca foron especialmente ben levados, como sucedía entre o actual presidente do Goberno de España e toda a facción do PP galego considerada "da boina". Á familia Baltar, por exemplo, atribúeselle parte de responsabilidade no envío de Rajoy e José Manuel Romay Beccaría ao poleiro no Congreso do PPdeG en 1998, toda unha ofensa para os daquela ministros do Goberno Aznar. Malia todo, Ourense seguiu sendo un enorme celeiro de votos para os populares durante a presidencia de Rajoy e agora, en pleno escándalo pola denuncia de emprego por sexo que unha muller presentou contra José Manuel Baltar, o barón ourensán esgrime o seu poderío electoral para advertir de que contribuirá a outra "gran vitoria" o 20-D.

Despois dun bronco pleno na Deputación, con novo plante da oposición incluído, e tras confirmarse que o pleno do Concello de Ourense -gobernado polo PP, pero en minoría- tamén esixirá a súa dimisión, Baltar asistía este luns a un pleno infantil na institución que preside. Pero, como en todas as súas intervencións públicas desde hai un mes, foi cuestionado sobre o seu caso. E el desbotou que a polémica vaia ter influencia ningunha no resultado das xerais. Polo menos, no que atinxe ao PP de Ourense.

Baltar: "O 20 de decembro o PP celebrará na súa sede unha nova gran vitoria en Ourense"

A preguntas dos xornalistas Baltar argumentou que "o que nos debe preocupar" non é outra cousa que contribuír a unha "gran vitoria popular". "Somos unha formación que non está en campaña só 15 días, senón os 365 do ano", resalta, e por iso di ter a seguridade de que, tras unha "gran campaña", "na noite do 20 de decembro o PP celebrará na súa sede unha nova gran vitoria do Partido Popular en Ourense", provincia na que en 2011 os conservadores obtiveron 3 dos 4 escanos en xogo tras lograr o 56% dos votos.

A dirección do PPdeG non prevé cambios no papel de Baltar en campaña a respecto de anteriores convocatorias

Baltar apela ás urnas mentres segue sendo amparado pola dirección do PP galego -"hai unha denuncia e nada máis", argumentou este domingo Alberto Núñez Feijóo-, na que non se prevé ningún cambio no papel do presidente ourensán na campaña con relación a convocatorias anteriores. Fontes da dirección popular en Galicia consultadas por Praza Pública subliñan que a práctica habitual é que os líderes provinciais centren a súa actividade de campaña nos seus territorios e non "fóra" deles, polo que así sucederá tamén nesta ocasión en Ourense. Deste xeito, Rajoy só tería que compartir foto con Baltar se na súa visita de campaña a Galicia -xa prevista, pero aínda sen data anunciada- recala en Ourense, algo que non parece o máis probable.

Pedirlle responsabilidades "non é política"

Neste escenario, José Manuel Baltar engraxa a súa poderosa maquinaria electoral e, ao mesmo tempo, desdeña as peticións de explicacións e dimisión do resto de forzas. El, di, non fará outra cousa que "falar de política" e "para min, iso non é política", polo que PSdeG, BNG e Democracia Ourensá poden "facer o que queiran". "Cada un debe ser responsable do que di e fai" e por iso, asegura, o pasado venres o PP continuou desenvolvendo o pleno en solitario mentres a oposición se ausentaba polo veto a que accedese ao salón de sesións parte do público. Malia a tensión vivida, segundo Baltar esa sesión estivo "marcada pola normalidade".

Neste sentido, ao popular tampouco lle preocupan as accións emprendidas pola oposición polas restricións de acceso ao salón de plenos. O resto de grupos "defínense a si mesmos" e nas últimas semanas, di, está a quedar acreditado "quen é responsable e quen non". El, afirma, "nunca faría o tipo de política" que están a desenvolver as formacións da oposición desde a publicación en eldiario.es da denuncia e das gravacións nas que se gaba de poder alterar o resultado dun proceso selectivo na Deputación provincial.

Baltar, no pleno infantil da Deputación © Deputación de Ourense

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.