Baltar pide unha reforma electoral e o PSdeG suxírelle que antes free o "nepotismo"

Baltar, con Feijóo ao inicio do acto © Xoán Crespo

Baltar segue sen ser un presidente de deputación calquera en Galicia. Non o era cando o apelido levaba por diante o nome José Luis asociado á presidencia ourensá e segue sen selo cando o antropónimo é Manuel, o fillo do histórico barón ourensán. Apenas un mes despois do pouco habitual 'cumio' co presidente da Xunta Manuel Baltar regresou este luns a Compostela, desta volta para participar nun almorzo informativo e con Alberto Núñez Feijóo no papel de presentador. Mentres o encontro do xefe do Goberno galego cos titulares das catro deputacións segue no conxelador o ourensán expuxo, ante un auditorio con superávit de dirixentes do PP e algún convidado pouco cómodo como o ex banqueiro Mario Conde, as súas propias receitas para "abordar" o futuro dos entes provinciais, a comezar por unha reforma da Lei Electoral.

No momento en que, probablemente, as deputacións se atopan máis cuestionadas Baltar realiza unha acendida defensa da súa supervivencia. A única "anomalía" que presentan segundo a súa análise é que a súa composición non se elixe directamente nas urnas, senón a partir dos resultados nos concellos nos diferentes partidos xudiciais. Cómpre "poñer as cartas sobre a mesa" e non "esconder os candidatos", di o ourensán, en cuxa opinión "só se precisa unha urna máis nas mesas electorais" para que estas institucións estean "máis cercanas ao cidadán" e deixen de ser as "grandes ausentes das campañas" electorais.

Baltar aposta por elixir os presidentes das deputacións directamente nas urnas e por vetar os gobernos de coalición

Pero non remata aquí a súa proposta de triple reforma para "refundar" os organismos provinciais". Teñen, na súa opinión, que ter "unha lista pechada de competencias" que vaian dende a xestión do ciclo da auga ao transporte escolar ou os servizos sociais e, a partir de aí, outorgarlles un "rol máis potente e máis músculo financeiro", obxectivo para o cal "deben participar nos tributos da comunidade autónoma". "Non estou inventando nada, estou lembrando o artigo 142 da Constitución", asegura. Neste contexto Baltar bota man dunha teoría semellante á reivindicada durante lustros polo ex alcalde da Coruña, Francisco Vázquez, para considerar "pendente" unha "segunda descentralización", neste caso cara á "Administración provincial". Isto debe facerse, di, aproveitando a "tendencia que existe na UE a reforzar o papel dos gobernos intermedios" e tamén que o presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, antes dirixiu a Deputación de Pontevedra.

De Rajoy, pero tamén de Feijóo, recolle Baltar a última proposta lanzada dende o atril instalado no compostelán Hostal dos Reis Católicos. Esa reforma electoral para cambiar o procedemento de elección das deputacións debe tamén incluír, baixo o seu punto de vista, un veto aos gobernos de coalición. Para "recuperar a credibilidade" da política entre a cidadanía só debe poder acceder á alcaldía o candidato ou candidata da lista máis votada, di. "Un perdedor non pode gobernar", asegura, e por iso "antes de votar quero saber as propostas irrenunciables e se un partido ten tendencia ao pacto".

Indulxencia de Feijóo, críticas do PSdeG ao "nepotismo"

As consideracións de Baltar chegaban despois dunha indulxente presentación de Feijóo, na que o presidente evitou afondar en exceso na figura do presentado para centrarse na súa aposta pola "eficiencia" das diferentes Administracións públicas. Para Feijóo cada "chanzo" do entramado administrativo pode funcionar axeitadamente se "cumpre co seu deber" e se "cada rexedor se sente intéprete do interese xeral". Nesta liña, asegura, vai o plan de racionalización presentado pola propia Deputación de Ourense hai poucos días, mostra, di, da "consciencia" de que "no momento actual, o interese xeral esixe racionalización e rigor por parte de todas as administracións públicas. Non gastar máis do que se ten e pagar o que se debe”.

Pachi Vázquez pregúntase "que pinta" a Deputación de Ourense mantendo seis granxas "nas que hai máis traballadores que vacas"

O contrapunto aos eloxios do xefe do Goberno galego chegaban dende as filas do PSdeG cuxo secretario xeral, Pachi Vázquez, non ve a Manuel Baltar en condicións de erixirse en innovador das institucións públicas. "O primeiro que ten que explicar é por que segue enchufando os candidatos do PP no momento máis duro da crise" aínda que iso supoña facelo con fondos "das políticas sociais", di. "Non lle recoñezo o dereito a falar de deputacións" mentres a de Ourense "siga a ser un niño de nepotismo" para "derrochar cartos públicos en favores persoais e familiares", acusa o socialista.

Neste contexto Pachi Vázquez subliña que, para a súa formación, as deputacións "como están hoxe, están obsoletas" porque "xeran moito gasto e pouco beneficio", sen cumprir a función de "aglutinar recursos" para destinalos "aos concellos que non teñen". Pero os cartos "que se gastan teñen que chegar aos cidadáns", polo que "se mañá elixen a Baltar por votación directa e segue destinando os recursos a enchufar membrso do PP, tampouco me vale", di. Así, o secretario xeral do PSdeG subliña que a súa "estratexia" vai dirixida a converter os entes provinciais en "consellos de alcaldes" que presten servizos aos municipios mías pequenos, unha reforma que "ten que conseguir evitar o nepotismo e simplificar a Administración". Para Vázquez esa simplificación debe xurdir do cuestionamento da actual estrutura das deputacións, preguntándose "que pinta a Deputación de Ourense" mantendo, por exemplo, granxas -a institución ourensá mantén seis explotacións agropecuarias en diferentes puntos da provincia- "nas que hai máis traballadores que vacas". "Para iso que non o elixan, nin directa nin indirectamente", resolve.

Pachi Vázquez, na rolda de prensa CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.