Baltar reclama para Ourense máis autonomía dentro da autonomía entre novas acusacións de "enchufismo"

Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense © Deputación de Ourense

Máis autonomía dentro da autonomía. Iso é o que Manuel Baltar, presidente da Deputación ourensá, foi pedir esta mañá ao Parlamento galego. Na súa comparecencia ante a Comisión de Economía e Facenda, Baltar reclamou que a cámara lexisle sobre as competencias das deputacións e esixiu que a Comunidade Autónoma lles transfira ás deputacións participación nos seus tributos.

Baltar reclamou que a cámara lexisle sobre as competencias das deputacións e esixiu que a Comunidade Autónoma lles transfira ás deputacións participación nos seus tributos

O líder do PP ourensán falou de "xustiza tributaria" e demandou que "se cumpra o artigo 142 da Constitución" -que prevé que as facendas locais poidan participar dos tributos do Estado e das Autonomías-. "Isto é grave -dixo- porque supón privar aos cidadáns de Ourense do debido retorno dunha parte dos tributos que pagan á Comunidade Autónoma ás institucións locais ourensás, neste caso concreto á Deputación". Manuel Baltar concluíu reclamando "unha participación xusta e equitativa na recadación que a Xunta de Galicia obtén dos tributos pagados polos cidadáns da provincia de Ourense. É, simplemente, unha cuestión de xustiza tributaria".

Manuel Baltar tamén levou ao Parlamento a súa proposta de elección directa dos deputados provinciais. Afirmou que "a reforma das deputacións provinciais pasa por convertelas en "asembleas de elección directa", utilizando como circunscrición electoral a provincia". E salientou que "non é de recibo que a provincia, isto é, seus cidadáns, constituídos como corpo electoral, non poidan elixir directamente aos seus representantes, como si fan noutras convocatorias".

Baltar tamén levou ao Parlamento a súa proposta de elección directa dos deputados provinciais

Nunha comparecencia que estaba destinada a que explicase os orzamentos da Deputación ourensá para este ano, Baltar destacou que haberá unha redución no gasto de persoal de 1,3 millóns de euros e detallou a realización dun expediente de despido colectivo, que afectará a 32 empregados laborais indefinidos. Tamén anunciou que a Deputación comezará a retransmitir os Plenos por Internet e porá en marcha unha nova web para "dar resposta por parte do presidente, nun prazo máximo de cinco dias, a todas as cuestións que plantexen".

 

O PSdeG-PSOE cifra en 92 euros o custe dos "enchufados" para cada ourensán

Quintas afirma que "só 13 dos 700 empregados non teñen relación directa" co PP

Porén, fronte ás demandas de Manuel Baltar, os partidos da oposición responderon con novas críticas e acusacións de irregularidades, contratacións fraudulentas e "enchufismo". A deputada socialista María Quintas acusou o PP de "utilizar os ourensáns para os seus fins particulares" e cualificou a xestión de Baltar como "clientelar, dilapidadora e daniña". Advertiu tamén que a Deputación “bate récords negativos”, coma o de ter "unha débeda que rolda o cen por cen" ou o de ser "unha das deputacións de España con mais empregados por habitante".

Quintas centrou as súas críticas no gasto da Deputación en persoal, que suma o 42,5 por cento do total do orzamento, e cifrou en 92 euros o que cada ourensán ten que pagar cada ano para cubrir os salarios dos que considera "enchufados por Baltar". Engadiu a este respecto que "só 13 dos 700 empregados non teñen relación directa" co PP. Quintas sinala que nas outras tres deputacións galegas o gasto en persoal é moi inferior en termos proporcionais e se sitúa en 49 euros por cada habitante. A deputada socialista afirma que o 80 por cento dos orzamentos de 2013 está destinado "a gasto improdutivo", co que resta "tan só un 15 por cento para investimentos na provincia".

A deputada socialista afirma que o 80 por cento dos orzamentos de 2013 está destinado "a gasto improdutivo"

Quintas cualifica ademais de “frivolidade desmedida” que Baltar anuncie recortes no gasto de persoal "cando mantén 76 persoas cun custe de entre 50.000 e 60.000 euros ao ano", e critica igualmente que no Inorde, Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico, cun orzamento de un millón de euros, "893.000 están destinados a persoal e 3.000 a investimento".

 

O BNG pide investigar as contratacións de interventores do PP 

“A política laboral da institución ourensá forxou a maioría absoluta do Partido popular na Xunta”

O BNG, a través de Tareixa Paz, incidiu en criticas semellantes. A deputada nacionalista denunciou “as contratacións de  interventores e apoderados do Partido Popular tralas eleccións” e tamén que “133 persoas foron contratadas para axuda no fogar a cargo dun convenio coa Xunta por valor de 1.200.000”. Afirmou que Manuel Baltar segue mantendo "a mesma política de persoal” do seu pai e convidou a Fiscalía a examinar as candidaturas do PP e as actas dos distintos apoderados e interventores dos diferentes procesos electorais para determinar que “existe unha coincidencia coas contratacións”.

Paz incidiu en que a cúpula do PP en Galicia non se pode desentender das "irregularidades" cometidas por José Luis Baltar, pois “a política laboral da institución ourensá forxou a maioría absoluta do Partido popular na Xunta”.

Paz tamén criticou a situacion económica da provincia de Ourense, salientando que o ano pasado “marcharon 25.000 mozos e mozas a buscar traballo fóra do país", e lembrou que nos últimos 25 anos  o número de persoas afiliadas á Seguridade Social en Ourense pasou das 170 mil ás 98.758 actuais.

Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense © Deputación de Ourense

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.