Baltar revoluciónalle o debate territorial a Feijóo

Baltar conversa con Feijóo © Xoán Crespo

Presentouno sen entusiasmo o presidente da Xunta e debullou un argumentario difícil de conciliar coas chamadas á "austeridade" e á "redución" da Administración. Vinte e catro horas despois, as propostas do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, encamiñadas a dotar de máis competencias e a elixir directamente nas urnas os gobernos provinciais ecoaron no Parlamento e o voceiro do PPdeG na Cámara, Pedro Puy, tentou encaixalas na doutrina oficial da Xunta e do Goberno central. O reto non era menor, tendo en conta que o ourensán non deixou lugar a ambigüidades: "As deputacións non poden limitarse a ser meros gobernos asistenciais dos concellos", afirmou ante un auditorio poboadísimo de cargos populares e no que tamén sentaba o ex banqueiro Mario Conde. "As provincias existen, os intereses provinciais existen e, polo tanto, deben existir competencias provinciais propias e substantivas", abondou.

Baltar reclamou máis competencias para as deputacións e elección directa nas urnas dos seus membros

"Non estiven nesa conferencia", anticipou Puy este martes ao ser cuestionado polas reflexións de quen xa se amosa asentado na baronía provincial que foi do seu pai durante dúas décadas. Pero malia a esa inasistencia o voceiro do PPdeG ve coincidencias entre o afirmado por Baltar e os "importantes acordos en materia de reforma local" acadados no propio Parlamento nos últimos meses. Así, por exemplo, se o ourensán defendeu a "fusión de facto dos servizos municipais", para que a "cooperación" non estea rifada co "respecto á identidade política dos concellos", Puy interpreta a afirmación como un apoio ao "impulso ás fusións voluntarias, ás que se referiu como perfectamente viables". Do mesmo xeito, coida que Baltar ve con bos ollos a comisión de expertos "que xa está publicada e que se vai constituír en datas breves" para redeseñar a Administración local, a "promoción da cooperación intermunicipal" e a "atribución de competencias correctas". Tamén coida Puy que Baltar concorda con "que as deputacións tendan, fundamentalmente", a prestar servizos "aos concellos de menos de 20.000 habitantes". Na súa palestra o tamén líder do PP de Ourense considerou que "as deputacións non poden limitarse a ser meros gobernos asistenciais dos concellos".

Unha vez aberta a veta, a oposición non a desaproveitou. Así, dende o PSdeG o seu voceiro parlamentario, Abel Losada, acolleu non exento de retranca as colisións entre "o que dixo Baltar Segundo -en referencia á sucesión do seu pai- e o discurso de redución de Administración case radical" co que o gabinete de Feijóo empezou a lexislatura. O discurso de Manuel Baltar foi, para o socialista, "unha emenda á totalidade da política local do presidente Feijóo". "Dixo que de fusións, nada", subliña. Na súa opinión, faino porque "lle é moito máis fácil controlar concellos de 1.000 que de 20.000 habitantes". En calquera caso, "o que teñen que deixar de ser" os entes provinciais é, a xuízo dos socialistas, "instrumentos político-partidarios" e "axentes electorais de primeira magnitude para o PP". "Están claramente superadas pola realidade do país", engade, polo que "nos concellos de máis de 20.000 habitantes teñen que desaparecer e poden prestar servizos a concellos máis pequenos".

Losada e Pontón ven unha contradición entre a aposta do presidente ourensán e a redución administrativa que propugnan Feijóo e Rajoy

Pola desaparición, pero total, avoga o BNG. Para súa voceira no Pazo do Hórreo, Ana Pontón, propostas como a de Baltar "o único que buscan é lexitimar unha institución absolutamente prescindíbel e que non cumpre ningunha función real", nin "no actual marco" nin "nunca no noso país". "Hai unha maioría social que comparte con nós a opinión de que as deputacións son unhas institucións prescindíbeis -di a nacionalista- que deberían desaparecer", polo que a proposta que "mantén" o Bloque é "a da súa desaparición". En calquera, caso, di Pontón, "sorprende" que este tipo de propostas cheguen dende o PP cando ao mesmo tempo "falan de reducir concellos e mesmo o autogoberno".

As consideracións de Losada e Pontón sérvenlle ao voceiro do PP para desdeñar a súa posible unidade de acción. "Un grupo pide a desaparición e no outro hai quen di que está superado o debate sobre a existencia das deputacións". Segundo o conservador na oposición "non hai unha postura común e dentro do PSdeG hai posturas non exactamente coincidentes, dependendo do posto onde estea cada un". Así as cousas, Puy tenta zanxar a a cuestión aberta por Baltar lembrando ademais que calquera modificación é "materia de lexislación básica do Estado". E se do propio Estado chega "un cambio no mecanismo de elección que reforce a lexitimidade democrática", como pide o barón ourensán, á Xunta e ao PPdeG "loxicamente non lle vai parecer mal, senón todo o contrario".

Baltar conversa con Feijóo © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.