Bandeiras útiles, bandeiras "inútiles"

Diversidade de bandeiras nunha manifestación CC-BY-SA Merixo

"En vez de ollar que bandeiras ondean nos seus concellos, analicen como poden contribuír para ser verdadeiramente dignos representantes dos galegos, que merecen outro tipo de propostas máis útiles". Esta frase ben podería proceder dunha institución gobernada polo nacionalismo ante unha das clásicas peticións do PP a respecto da presenza da bandeira española en espazos públicos. Mesmo podería ser obra dun representante público en resposta a grupos como UPyD, xeralmente ocupados nestas cuestións. Pero é a culminación dun comunicado remitido polo PPdeG á prensa e co PSdeG como destinatario. Neste caso a bandeira da polémica é a da II República Española.

En datas recentes os socialistas da Pobra do Caramiñal transmitíronlle ao alcalde da localidade, Isaac Maceiras (PP), a petición da Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza para que o vindeiro 14 de abril ondee na casa consistorial a enseña republicana. "Facer visible ese día non lle fai mal a ninguén" e pode servir para "dignificar os perseguidos" pola ditadura, argumentan. Ante tal petición a dirección galega dos conservadores saíu en tromba contra a proposta, lamentando que "o novo PSOE de Besteiro aposte por colocar bandeiras republicanas en institucións públicas".

O PSdeG da Pobra pide colocar a bandeira da II República o 14 de abril como homenaxe aos represaliados

Na nota, que o PP non atribúe a ningún dirixente en concreto, o partido que sustenta o Goberno galego ve na inicativa socialista unha "ocorrencia" e permítese "recomendarlles que se centren en propostas para mellorar o presente e o futuro", e "non empreguen o seu tempo en cuestións de hai máis de oitenta anos". Preocuparse polas bandeiras é inútil, veñen dicir os populares, ao tempo que lle preguntan ao líder do PSdeG se "cre que este tipo de medidas" van permitir que "gañen apoios entre a cidadanía".

Outras 'guerras de bandeiras'

En 2007 o PP vía unha "obriga moral" pular pola colocación da bandeira española en todas as dependencias da Xunta

A inutilidade que o PP observa agora na colocación dunha ou doutra bandeira contrasta coa súa posición noutros ámbitos, onde iniciou verdadeiras cruzadas políticas vinculadas a teas e mastros. Así, por exemplo, en 2007, xa con Alberto Núñez Feijóo como presidente do partido, o daquela deputado e actual senador Enrique López Veiga elevou á categoría de "obriga moral" a necesidade de que a bandeira de España estivese presente en todos os departamentos da Xunta. "Están empeñados en desespañolizar Galicia e non o imos permitir", proclamaba.

Máis recentemente, en febreiro de 2012, os populares cargaban con dureza contra o Concello de Culleredo, na altura gobernado por PSdeG e BNG, ante a ausencia da bandeira española da casa consistorial. En xullo do mesmo ano, o PP de Rianxo censuraba que "o goberno local", do BNG, "retire a bandeira española para celebrar o Día da Patria galega" (Día de la Patria gallega, na nota orixinal), e aseguraban que esa ausencia estaba a provocar un fondo "malestar" na veciñanza. A bandeira galega, "lembraban", "nunca foi retirada durante a celebración do Pilar".

Diversidade de bandeiras nunha manifestación CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.