Báñez entra na campaña galega obviando a destrución de 45.000 empregos

A ministra Báñez, xunto a conselleira Beatriz Mato © Ministerio de Emprego

A ministra de Emprego entra de cheo en campaña. Aproveitando unha visita a Galicia e a tan só cinco días dos comicios locais, Fátima Báñez asegurou este martes que "grazas ás reformas emprendidas e ao traballo conxunto de toda a sociedade española", a previsión do Executivo é que España creará 600.000 empregos en 2015, dos que 35.000 deles serán en Galicia. 

A ministra Báñez prometeu a creación de 35.000 empregos en Galicia durante este ano

Báñez levou a cabo este anuncio durante a súa visita ao Centro de Formación  Marítima que o Instituto Social da Mariña ten en Bamio (Vilagarcía de Arousa), onde tamén adiantou a posta en marcha dunha nova lei de seguridade para traballadores do mar que amplía as coberturas da normativa actual. Unha lei que "regulará toda a protección social dos traballadores do mar", segundo dixo, antes de subir tamén ás bateas de mexilón da ría, acompañada desta vez pola conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, e antes pola de Traballo, Beatriz Mato. 

Aproveitou o tempo a ministra, que non dubidou tampouco en presumir da evolución dos datos do paro en Galicia durante a lexislatura de Mariano Rajoy á fronte do Goberno central. Lembrou que no país hai 13.473 desempregados rexistrados menos que ao inicio da lexislatura, e 7.929 mozos menores de 25 anos menos en desemprego. Tiña os datos debullados, pero esqueceuse a ministra de facer alusión, por exemplo, aos da Enquisa de Poboación Activa (EPA), segundo os que o número de parados en Galicia aumehtou en case 36.000 persoas desde o último trimestre de 2011 -cando o PP gañou as eleccións- ata o primeiro deste ano. De case 240.000 a máis de 275.000

Báñez presume de que en Galicia hai 13.500 parados rexistrados menos desde que Rajoy goberna, pero obvia que se perderon 45.000 ocupados

Tampouco fixo referencia a ministra de Emprego á cifra de ocupados, o resultado é aínda moito peor: a comunidade autónoma perdeu case 45.000 afiliados á Seguridade Social durante os case catro anos que a dereita leva no poder a nivel estatal. Pasou dos 974.300 de novembro de 2011 aos 929.458 da actualidade, segundo os últimos datos feitos públicos polo Ministerio de Emprego das afiliacións medias no pasado mes de abril. 

Ademais, e no caso de ter en conta este segundo mandato de Feijóo, Galicia mellorou as cifras de paro, ao pasar das 276.536 persoas apuntadas nas oficinas de emprego de novembro do 2012 -no mes seguinte á vitoria do PPdeG nas eleccións- ás 244.761. Son 31.775 desempregados menos nestes dous anos e medio de lexislatura na que, non obstante, non aumentou o emprego. O país perdeu case 6.000 ocupados. 6.000 afiliados menos á Seguridade Social, que se sitúan nos 929.500 da actualidade fronte aos 935.400 que había ao conseguir o actual presidente da Xunta a súa segunda vitoria electoral. 

Unha vez máis, a diferenza entre o dato do paro e de afiliación é moi importante: de máis de 30.000 persoas de ter en conta a lexislatura de Mariano Rajoy, o que indica que hai máis persoas cuxos postos de traballo desapareceron que persoas que se apuntaron nas oficinas de emprego. Isto pode ser debido a que moitos cidadáns renuncian a apuntarse ao paro -porque xa non o ven útil, non teñen dereito a prestación ou porque traballan na economía paralela- ou porque abandonan a busca de emprego e optan pola emigración.

Pero a ministra Fátima Báñez foi contundente coas cifras máis acaídas para o seu partido, a menos dunha semana das eleccións municipais. Mesmo destacou que en materia de garantía de prestacións sociais, os pensionistas galegos gañaron máis de 150,66 millóns de euros en poder adquisitivo entre 2013 e 2014. O de que sexan as de menor contía do Estado. 

A ministra Báñez, xunto a conselleira Beatriz Mato © Ministerio de Emprego
A ministra Báñez, nas bateas da ría de Arousa © Ministerio de Emprego

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.