Bascuas: "Non manexamos outra hipótese que non sexa entrar no Parlamento"

Bascuas, na sede de CxG en Compostela CC-BY-SA CxG

Xoán Bascuas fala coa voz un chisco ronca, tomada pola voráxine da campaña electoral. Dende a sede de Compromiso por Galicia (CxG) en Compostela, acabada de abrir, e mentres membros das candidaturas elaboran materiais de campaña, o candidato da formación galeguista á Presidencia da Xunta asegura estar cheo de "ilusión", tanto de cara ao "aberto" escenario electoral como para construír un "partido nacional galego" que, afirma, xa non leva consigo a etiqueta de "escindidos do BNG".

Como está a vivir a campaña? Os medios para facela non serán moitos...
Cheo de entusiasmo e ilusión e ademais estoume divertindo bastante, que é algo que non se pode dicir moito en política. Os compañeiros están traballando fantasticamente ben, estamos cheos de esperanza.

Como os está a recibir a xente? En moitos sitios coñecerán ao tempo os candidatos e candidatas e o propio partido...
A xente é moi receptiva, está esperando cousas novas. Nunca houbo unhas eleccións tan abertas dende 1981; hai moita xente que, ou ben non quere expresar cal é a súa intención de voto ou que non ten claro o que vai facer. E iso abre moitas expectativas, tamén para as forzas que nos estamos abrindo un oco no panorama político galego. Que a xente poida confrontar novas formas de facer política é positivo.

Compromiso vai lograr representación no Parlamento? Que datos manexan?
Nós non manexamos outra hipótese. O noso horizonte non é só contribuír a mudar o Goberno, a quitar a Feijóo. O noso obxectivo non é só facerlles fronte ou botalos, senón, sendo a voz da cidaanía, mudar cento oitenta graos as políticas. Os nosos obxectivos son políticos, non se limitan a ter representación.

Que acontece se non logran representación?
É unha hipótese que non contemplamos.

Tan mal está a política que cómpre facer promesas ante notario para darlles un plus de validez?

"Acreditamos con tal firmeza na política que asinamos ante notario"

É unha forma de velo. A outra é que hai xente que, aínda acreditando na política, o fai con tal firmeza que está disposta a asinar ante notario. Para nós é moi importante a rexeneración democrática e a esixencia ética, porque hai moita xente desafecta aos políticos e aos partidos, non acreditan no que prometen. Nós non facemos promesas, facemos compromisos e iso é un chanzo máis que nos diferencia das demais alternativas.

Vencellado con isto; por que unha persoa imputada xudicialmente non pode permanecer no seu cargo público?
Porque por unha banda está o que sería a ética política e por outra o procedemento xudicial. Quen ten a honra de ser servidor público ten que estar á altura das circunstancias e ser consciente de que non pode haber mácula sobre a súa carta de natureza como representante. Hai cargos doutras forzas políticas que teñen actuado así e ninguén os xulgou inequivocamente. Sería bo que se estendese a todo o mundo..

Que acontece se Feijóo goberna catro anos máis?
Einstein di que se ti fas sempre o mesmo o máis probable é que se dean os mesmos resultados. Se continúa gobernando Feijóo o máis probable é que continuemnos nunha dinámica de recortes, de contención da economía e de ausencia completa de dinamización do consumo e, polo tanto, non se reactivará a economía. Ademais teremos unha economía posta ao servizo dos poderosos e non das maiorías sociais. Nós queremos facer xirar todo isto para poñer a economía ao servizo das persoas, axudar máis a quen máis o necesita e que pague máis quen máis ten.

Hai máis forzas políticas que poñen o foco nos problemas das persoas... Pero, como se pode facer?
Facendo que os poderes públicos asuman o seu protagonismo na dinamización da economía do país. Agora podemos pensar en achicar o aparello administativo, como fai Feijóo, ou podemos facer que actúe como axente dinamizador. Temos un Igape paralizado desde que se efectuou a redada e o procedemento xudicial; nós apostamos pola creación dun instituto galego de crédito público, que integre o Igape e Xesgalicia e se poña ao servizo dos pequenos e medianos empresarios e empresarias para contribuír a xerar riqueza, novas empresas e novo emprego.

"Hai catro anos o voto estaba concentradísimo en tres forzas, dúas viñan de formar goberno e perderon"

Para iso sería importante contar cun sistema financeiro propio e iso semella complicado...
Lamentablemente; pero CxG quere acreditar en poñer ao servizo do país todas as ferramentas que permitan dinamizar o consumo, e iso implicaría contar cun sistema financeiro propio, claramente.

Para que eses cambios se produzan tería, polo tanto, que mudar o Goberno. Di o BNG que o mellor para que iso aconteza é concentrar o voto nacionalista e de esquerdas... 
Hai catro anos o voto estaba concentradísimo en tres fozas, dúas delas que viñan de configurar unha maioría de goberno, e perderon. A pluralidade non lle fai dano a nigueń, cada forza política ten que demostrar que é merecedora do respaldo público, independentemente do que faga o resto. E nos últimos anos os votos que perde a partitocracia clásica non son trasvasados a outras forzas. Agora esas opcións existen e a pluralidade non é negativa á hora de que Feijóo perda a maioría absoluta, todo contrario. Teño a certeza de que o último escano na Coruña e Pontevedra se disputa entre o PP e CxG.

Bascuas, na sede de CxG en Compostela CC-BY-SA CxG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.