Bascuas: "Quintana sería un excelente candidato nunhas eleccións xerais"

Bascuas, durante o encontro organizado polo CPXG CC-BY-SA Praza Pública

Anxo Quintana no Congreso dos Deputados? É un ruxerruxe que percorre, dende hai semanas, o ambiente político do país. As últimas aparicións públicas do ex vicepresidente da Xunta e antigo portavoz nacional do BNG, nas que vén apelando á posta en marcha dun "movemento cívico" que atalle a "desgaleguización" do panorama político galego, suscitaron en diferentes foros a pregunta de por que "volve" Quintana e, sobre todo, cara a onde o fai. O que fora alcalde de Allariz asegura que en poucas semanas explicará se hai "masa crítica" para concretar súa proposta e, mentres, xorden diversas valoracións ao respecto. A última é a formulada polo secretario xeral de Compromiso por Galicia, Xoán Bascuas, que nun acto enmarcado na rolda de encontros informativos cos líderes políticos que organiza o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, considerou que Quintana sería "un excelente candidato" ás vindeiras eleccións xerais.

A preguntas dos xornalistas a respecto da valoración da iniciativa de Quintana e dunha eventual proximidade do antigo líder do BNG co seu partido Bascuas subliña, a comezar, que o ex vicepresidente "segue sendo afiliado" do Bloque e, polo tanto, malia ter ser unha "voz moi autorizada" que está "por riba de siglas", esa militancia fai que "non se poida dicir que fala de forma plenamente independente". Así e todo, matiza, Quintana está a abrir un "debate moi importante", toda vez que os comicios xerais de 2016 poden supoñera apertura dunha "reforma da Constitución" e do modelo territorial do Estado.

"Se o nacionalismo e o galeguismo non están presentes" Galicia "corre o risco de quedar fóra" da reformulación territorial do Estado, di

"Se o nacionalismo e o galeguismo non están presentes" nese proceso, salienta, Galicia "corre o risco de quedar fóra". Por ese motivo, coida que sería positiva a confluencia de "todas as forzas con centro de decisión en Galicia" e, aínda máis, de todas as que "respectan a identidade nacional galega" para concorrer a esas eleccións de "maneira conxunta". O último paso dese proceso, reflexiona, sería establecer a persoa que o lideraría como cabeza de lista e aí, di, Anxo Quintana podería ter "un papel moi importante".

Congreso de CxG coa vista posta nas municipais

Bascuas realiza esta reflexión a poucos días do Congreso Nacional de CxG, que o vindeiro día 16 renovará os órganos de dirección da formación galeguista e, ademais, suporá un "punto de inflexión" porque definirá o seu roteiro cara ás eleccións municipais de maio. Ata o momento, sinala, está a rexer o criterio emanado da consulta na que a militancia determinou que o partido decidise a súa fórmula de concorrencia en cada localidade de maneira autónoma. "Imos ratificar e acoutar" esa decisión, explica, nun panorama no que, por exemplo, Compromiso está a participar da Marea Atlántica na Coruña pero vén apostando por concorrer en solitario en Vigo, onde Miguel Barros foi elixido candidato á alcaldía a través de primarias abertas.

CxG participa na Marea Atlántica, pero aposta por concorrer en solitario ás municipais en Vigo

Neste sentido, o líder de Compromiso chama a distinguir entre as dinámicas dunhas e doutras plataformas cidadás. "Nas que nós estamos participando" non se "percibe" a "utilización interesada" das mareas por parte de ningunha forza política en concreto, di. No entanto, coida, "nalgunhas localidades" estas iniciativas están sendo "presentadas polos responsables das forzas políticas" que as impulsan. Alén disto, detalla, CxG abordará tamén cuestións como a súa participación ou non na configuración das deputacións provinciais, sobre o papel da Fegamp ou sobre políticas de prevención da corrupción, entre outros aspectos.

Bascuas, durante o encontro organizado polo CPXG CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.