Beiras carga contra o Parlamento por tratar a AGE como "intruso"

Reunión da Xunta de Portavoces © parlamentodegalicia

O portavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) no Parlamento galego, Xosé Manuel Beiras, cargou contra o trato que recibe o seu grupo da Cámara autonómica e que considera discriminatorio á hora, sobre todo, do reparto de dependencias. O líder da formación acusou o Parlamento de funcionar como "un organismo supraprovincial caciquil" e insistiu en que "semella que non se poden producir trastornos" máis que a AGE, que xa amosara o seu enfado por non dispor de instalacións no Pazo do Hórreo para desenvolver o seu traballo ordinario a menos dunha semana do debate de investidura.

Beiras comparou a Cámara "cunha comunidade de propietarios que xa ten todo repartido" e que funciona de forma "caciquil"

Logo da reunión da xunta de portavoces do Parlamento, Beiras comparou a Cámara "cunha comunidade de propietarios que xa ten todo repartido" e na que se busca "ver como se fai sitio aos recentemente chegados" aos que se dá tratamento de "alborotadores, respondóns e rabudos" e incluso de "intrusos". Así, amosouse sorprendido e cargou contra o feito de que "haxa coincidencias" entre PSdeG e BNG en propostas que, segundo di, deberían ser "inverosímiles" para a oposición.

PP, PSdeG e BNG uníronse nas súas críticas cara ao líder de AGE

Unha das cuestións que máis indignou a Beiras, moi enoxado, foi a distribución de dependencias no Parlamento galego que AGE considera "un insulto", posto que na súa posición de terceira forza reclama maior espazo que o BNG. En concreto, denuncia que a proposta da Mesa é de "180 metros cadrados" de espazo para os parlamentarios de AGE fronte a "230 metros cadrados" do Bloque. PP, PSdeG e BNG uníronse nas críticas ao líder de Alternativa. Pedro Puy, voceiro dos populares, amosou a súa sorpresa polo feito de que "a primeira preocupación" da coalición "sexa o tamaño dos seus despachos".

AGE e BNG só terán un representante nas comisións parlamentarias

Por outra banda, as comisións parlamentarias pasarán na nova lexislatura a ter 12 representantes dos catro grupos da Cámara, fronte aos 13 da pasada, e cun reparto que será de sete para o PPdeG, tres para o PSdeG, un para AGE e outro para o BNG. A decisión chega a proposta da Mesa e de acordo coa xunta de portavoces, logo de que non chegase a bo porto a iniciativa do BNG, que propoñía 17 membros (nove para PP, catro para PSdeG, dous para AGE e outros dous para BNG).

A rebaixa recibiu as críticas de Alternativa e Bloque, que critican a escasa operatividade deste reparto, ao ter que traballar cun só membro en cada comisión, aínda que os socialistas amosáronse dispostos a chegar a acordos para ceder postos aos outros dous grupos da oposición.

HABERÁ AMPLIACIÓN

Reunión da Xunta de Portavoces © parlamentodegalicia
Beiras, tras o encontro con Pilar Rojo CC-BY-SA AGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.