Beiras confía en que Carmen Iglesias renuncie ao escano e denuncia unha "campaña mediática" en contra de AGE

Ateigada rolda de prensa ofrecida por Xosé Manuel Beiras, esta mañá no Parlamento Dominio Público Praza Pública

Vanse despexando as incógnitas sobre o futuro do escano de David Fernández Calviño ocupa no Parlamento. O aínda deputado de AGE abandonarao, como se anunciara, e farao en breve, o 30 de novembro. Así o confirmou esta mañá o voceiro de AGE, Xosé Manuel Beiras, nunha rolda de presa que espertou unha grande expectación. Porén, continúa sen aclararse a segunda parte do conflito: se a número 2 de AGE en Ourense, a candidata de EU Carmen Iglesias Sueiro, cederá o seu posto á seguinte candidata de Anova, ou se marchará ao grupo mixto, deixando a Alternativa con oito deputados.

Beiras dixo non querer "especular" co que sucederá e afirmou que "non podo dar resposta a futuribles". Porén, apuntou que "sigo crendo no ser humano", o que o leva a confiar nunha renuncia de Carmen Iglesias

Beiras dixo non querer "especular" co que sucederá e afirmou que "non podo dar resposta a futuribles". Porén, apuntou que "sigo crendo no ser humano", o que o leva a confiar nunha renuncia de Carmen Iglesias. Nas últimas semanas, Esquerda Unida presionou en público e en privado a Carmen Iglesias Sueiro para que esta atendese as condicións do acordo ao que Anova e EU chegaran á hora de presentar as candidaturas de AGE ás autonómicas do pasado ano. E, polo de agora, sen resultados positivos. O que é seguro é que se Iglesias non cede, será expulsada da formación.

Na súa intervención Beiras falou de "caza e captura" e de "asedio" mediático contra AGE, centrando as súas críticas na estratexia "dun grupo de comunicación" ao que non quixo poñer nome. Engadiu que esta "campaña" tivo máis efecto “nas propias organizacións", en referencia a Anova e Esquerda Unida e á sua militancia, "máis que na cidadanía”.

Na súa intervención Beiras falou de "caza e captura" e de "asedio" mediático contra AGE, centrando as súas críticas na estratexia "dun grupo de comunicación" ao que non quixo poñer nome

Fernández Calviño leva 12 días, dende o 1 de novembro, compaxinando a súa condición de deputado, co seu posto de traballo na Universidade de Copenhague como investigador en Edafoloxía, e aínda o terá que facer durante un par de semanas máis. Suceda o que suceda, será un mal final, pero un final, cando menos, para un proceso que se fixo longo de máis e que erosionou, moito ou pouco, á coalición. Os tirapuxas e cambios de estratexia, lonxe de solucionar a situación, espertaron críticas internas e externas á xestión do conflito. Unhas críticas que foron especialmente duras por parte do PP. Alberto Núñez Feijoo chegou a afirmar que “se a xente soubese como funciona esa coalición, cambiaría a imaxe que ten dela”. Tamén Paula Prado, este mesmo martes, a través da súa conta de twitter, avivou aínda máis o lume: “Iniciamos el pleno del Parlamento, llegó el diputado desde Dinamarca (a dos horas de Galicia) pero no el de Brión”.

Ateigada rolda de prensa ofrecida por Xosé Manuel Beiras, esta mañá no Parlamento Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.