Beiras insiste en "reformular" En Marea de cara ás autonómicas

Xosé Manuel Beiras, líder de Anova © Óscar Corral

En Marea busca fortalecerse e ampliarse de cara ás eleccións autonómicas. Todas as patas que conforman a coalición electoral amosan a súa disposición a "reformulala", corrixir as eivas das xerais e configurarse como un amplo espazo de confluencia máis alá dunha unión de formacións políticas. O obxectivo pasa por, precisamente, deixar de ser unha coalición e virar en partido instrumental, fórmula empregada pola maioría de mareas municipais máis exitosas. 

"Traballar a unidade, non ser só unha suma de partes". Esa é a consigna das Mareas en Común, que insisten nun proceso "cidadá e desde abaixo" no que os partidos "acompañen" e non dirixan a plataforma. Comparte esta diagnose Anova e o seu voceiro nacional, Xosé Manuel Beiras, que insistiu este venres na mesma idea nunha entrevista na Cadena SER. "Cando se negociou, todo era moi conmplexo e non se concluíu a tempo para inscribir En Marea como tal e houbo que recorrer a inscribila como coalición de partidos, pero non o é", advertiu o líder nacionalista. "Trataríase dun partido instrumental, como xa se fixo nas eleccións municipais nas mareas importantes", di. "Hai mareas importantes que non chegaron a gobernar que están no proceso de integrarse e hai que facelo democraticamente", insiste. 

"Trataríase dun partido instrumental, como xa se fixo nas eleccións municipais nas mareas importantes", di Beiras

Para Beiras, "a cuestión non En Marea é un partido independente". "É un proceso que se formalizou nun documento político [...] no que se trataba de facer un novo suxeito político que pretende representar o pobo galego en clave de esquerda rupturista e afrimando que é un suxeito político con dereito a exercer a súa soberanía", di quen asegura que non pode falar como voceiro do grupo de coordinación do espazo de confluencia pero que si aclara que esa é "a posición de Anova". Tamén a das principais mareas municipais, a de EU e a das figuras máis relevantes de Podemos en Galicia, que apelan á "consulta aos inscritos e inscritas" pero que manifestan a súa aposta por unha "confluencia mellorada". Así o cren, por exemplo, o ex secretario xeral Breogán Riobóo e a deputada e candidata a liderar a formación morada, Ángela Rodríguez. 

A idea, tal e como aclarou Beiras, é reformular En Marea de cara ás autonómicas, pero tamén no caso de que se repetisen as eleccións xerais, aínda que aclara que ese non é o seu desexo. No caso de optar por un partido instrumental e non pola coalición de partidos, a confluencia aseguraría conformarse como grupo propio no Congreso de repetir resultados. "Negáronnnos retortamente o grupo", asegurou o líder de Anova, que culpou o PSOE por permitir que PP e Ciudadanos teñan a maioría na Mesa.

A opción do partido instrumental permitiría asegurar o grupo propio galego no caso de repetírense as xerais

"Foi unha decisión política pactando pola dereita", aclarou Beiras, quen advertiu aos socialistas que "teñan en conta que en Galicia a segunda orza non foi o PSOE, senón En Marea". "O PSOE debería facer un exercicio de humildade e respectar a vontade de máis de 400.000 votantes", engadiu para insistir que o espazo de confluencia galego "é a expresión dun movemento cívico, social e político, non un partido construído a priori". 

Beiras insta o PSOE a acordar pola esquerda e pídelle "un exercicio de humildade" tras lembrarlle que a segunda forza en Galicia é En Marea

Ademais, Beiras instou o PSOE a chegar a un acordo con Podemos, as confluencias e demais formacións progresistas. "Se é socialista e obreiro, é de esquerdas e o que non pdoe facer é un cambalache cun partido de dereitas, un pseudópodo do PP, dos poderes plutocráticos que apoian o PP e apostaron por eles intelixentemente para roubarlle parte dos votos a Podemos", advirte quen cre que o Partido Socialista "non pode actuar sen ideoloxía".

Beiras, Díaz, Gomez-Reino, Noriega e Subiela, antes do mitin CC-BY-SA En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.