Beiras non descarta que Anova e Esquerda Unida acudan xuntas ás eleccións

Beiras e membros mozos de Anova CC-BY-SA Merixo

A formación Anova-Irmandade Nacionalista, cuxo portavoz nacional Xosé Manuel Beiras, estudará a apertura dun "proceso de interlocución" con distintas formacións políticas para crear unha alianza electoral común e "non descarta" posibles conversas con Esquerda Unida ou retomar as negociacións con Compromiso por Galicia, aínda que a decisión terá que ser adoptada polos seus integrantes en asembleas.

Beiras, que xa insistiu varias veces na posibilidade de integrar nunha coalición "as forzas de esquerda estatal que recoñecen o dereito de autodeterminación", contesta así en parte á proposta de Yolanda Díaz, coordinadora xeral de EU, que aposta por unha "Syriza galega" en forma de fronte "anticapitalista" e que citou o novo movemento nacionalista como unha das claves para a súa conformación.

"Ante a situación de emerxencia actual, unha das hipóteses de traballo e intentar unha fronte electoral ampla"

Nunha comparecencia en Ferrol, Beiras sinalou que, "ante a situación de emerxencia" actual e ante as "fechorías dun poder que goberna contra os cidadáns", entre as "hipóteses de traballo" de Anova atópase a de "abrir un proceso de interlocución" con grupos políticos e movementos sociais e sindicais para chegar a conformar "unha fronte electoral ampla" de cara aos vindeiros comicios autonómicos.

A decisión sobre a negociación con EU tomarase en setembro, tras o debate das asembleas

O pasado sábado a Coordinadora Nacional de Anova, ademais de constituír a Comisión Permanente trasladou ás asembleas de base esta cuestión para que inicien un debate interno que desembocará en setembro coa posible decisión sobre "esta hipótese de traballo". Malia que esta decisión aínda non está tomada, son varias xa as voces que desde dentro da nova formación nacionalista deixaron clara a súa intención de xuntarse con EU nunha coalición electoral, como por exemplo Mariano Abalo, líder da FPG, partido que mantén unha alianza con Esquerda Unida en Cangas.

"A fórmula sería unha unidade de acción contra un inimigo principal pero non con mestura de proxectos políticos"

"Todo está aberto", engadiu Xosé Manuel Beiras, quen puntualizou que a fórmula exposta sería a dunha "unidade de acción" electoral, fronte a "un inimigo principal" que "actúa ferozmente", pero "non con mestura de proxectos políticos", polo que cada formación mantería o seu propio proxecto.

Xosé Manuel Beiras non quixo falar de alianzas concretas, á espera da decisión das asembleas, pero si aclarou que "non descarta" a unidade de acción con EU. "Se hai organizacións de ámbito estatal que asumen o dereito de autodeterminación dos pobos e actúan en consecuencia, e aceptan que as decisións en Galicia sexan as que vallan, por tanto, non se descarta", insistiu.

A unidade de acción entre Anova e EU faría case imposible un acordo con Compromiso, máis achegado ao centro

Ademais, tampouco deu por descartada unha interlocución para unha alianza con Compromiso por Galicia (CxG) -na que se inclúen Máis Galiza, Acción Galega e Ecosocialistas-, aínda que Beiras insistiu en que a decisión tería que ser adoptada polas asembleas da súa formación política. Precisamente, Compromiso mantén "a porta aberta" a conversas con Anova, pero o líder do Espazo Ecosocialista, Xoán Hermida, xa aclarou que a fórmula dunha fronte antisistema non lle parece a máis axeitada. Desde logo, o que si parece imposible é que EU e CxG acorden unha alianza, polo que semella que será a formación de Beiras a que decida se aposta pola colaboración cun sector claramente de esquerdas e estatal ou por un máis centrado e morno como o de Compromiso.

Beiras, nunha comparecencia ante a prensa CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.