O máis veterano era, paradoxalmente, unha das grandes novidades e un dos maiores alicientes do debate de investidura. Sete anos despois Xosé Manuel Beiras regresaba a un gran debate parlamentario, desta volta á fronte da Alternativa Galega de Esquerda e para opoñerse á investidura de quen "ten callo para solicitar a investidura" co obxectivo de "seguir a comandar, impertérrito, a súa brigada de demolición" dende San Caetano. No encorsetamento dos trinta e cinco minutos de discurso contra os que opuxo protesta formal ao inicio do pleno, Beiras apoiou n'A xustiza pola man de Rosalía de Castro un discurso que foi continuación da súa campaña electoral, aínda que se cadra cun ton un chisco menos explosivo, e fiel ao estilo que o caracterizou nos case vinte anos que representou o BNG na Cámara galega.
Para o Bloque, precisamente, foron as primeiras verbas do histórico nacionalista ao acceder a tribuna. A "relación de agravios" do Goberno e de "alternativas" expostas por Jorquera foron obxecto de "felicitación" por parte do líder de AGE, xa que as "subscribe plenamente" para seren aplicadas nunha Galicia que, ao seu xuízo, podería ser perfectamente a protagonista do poema rosaliano, por ser "roubada, asoballada, despreciada e aldraxada". E agora tamén "vítima da cobiza da plutocracia" e cunha "cidadanía acosada a todos os niveis". "E, quen son os responsábeis?", pregúntase. "Quen gobernou con maiorías neste Parlamento durante todo este tempo", agás nos períodos "do tripartito e do bipartito"?, acrecenta.
Beiras presenta a Feijóo como "cómplice" do "crime político de deixar desamparados os cidadáns para pagarlles aos bancos"
É por isto que, na súa opinión, só queda lugar para unha "rebelión cívica que os da AGE non facemos máis que estimular" para conseguir, como apelaba Rosalía, "a xustiza pola man, só que sen verter sangue maldito, senón mediante a mobilización da sociedade civil, democraticamente e sen violencia". "Só o poder está a exercer a violencia", tanto "o auténtico poder, o financeiro, como os seus testaferros, os inquilinos das institucións nadas como democráticas". A "violencia bélica" só chega cando a "plutocracia" a considera oportuna ou en casos como "a do Estado sionista de Israel", mención que atopou como resposta a indiferencia dos populares e o aplauso nas bancadas de Alternativa e tamén nas do BNG.
Todo isto acontece, di Beiras, nun contexto no que as "doenzas da nosa realidade están diagnosticadas" e os problemas se sitúan "no nivel da terapia" que debe ser aplicada dende o poder político. Pero ese poder, en Galicia, vai "como un autobús no que o chofer leva posta a marcha atrás" e colabora co "expolio" nas súas diversas vertentes: "enerxético, financeiro" ou de "exterminio da clase mariñeira e labrega". Son as "veas abertas de Galiza", ilustrou apoiándose en Galeano, máis abertas aínda a causa de "posicións indecentes" como a "mantida a respecto das caixas" polo propio Feijóo.
"Semellan a caste política dos últimos Austrias, algúns incluso na fasquía facial"
Neste contexto, explica, que Feijóo reciba o apoio da AGE é "máis inverosímil que a caída dun meteorito na dársena da Coruña". "Loitaremos contra vostede con todas as nosas forzas, coa palabra e a acción democrática", tanto "dentro" da Cámara galega, "para impedir que a convertan nunha cámara de gas virtual" e "fóra", para "contribuírmos á rebelión cívica". Mentres, augura, o PP seguirá a cometer "o crime político de deixar desamparados os cidadáns para pagarlles os bancos alemáns". "Semellan a caste política dos últimos Austrias, algúns incluso na fasquía facial" recollida por Velázquez, ilustrou, nunha mención á que reaccionaron poucos integrantes do grupo que sustenta o Goberno.