Beiras somete os seus bens a un "striptease" para "esixir que o fagan os banqueiros"

Comparecencia de AGE no Parlamento CC-BY-SA Praza Pública

Un xesto "grotesco" para "poñer en evidencia" o "ridículo" que supón a publicación de bens dos cargos públicos mentres non se produce a de "banqueiros, altos executivos" ou "xerarquías eclesiásticas". É o que desenvolveu este mércores o voceiro de Alternativa Galega de Esquerda no Parlamento, Xosé Manuel Beiras, ao ser cuestionado polo anuncio lanzado polo PP segundo o cal os conservadores promoverán, como na pasada lexislatura, a publicación do patrimonio dos membros do Parlamento -cómpre que sexa iniciativa dun ou varios grupos, xa que non é obrigatorio-. "Estamos dispostos a que se publique o que faga falta porque non hai nada que ocultar". Pero "unha cousa e iso e outra" facer "striptease" mentres "non o fagan os poderosos".

No marco dunha comparecencia pública co membros do grupo parlamentario para dar conta da posición de AGE cara ao día contra a violencia machista, Beiras apostou por "ir polo atallo" e non agardar á publicación formal dos seus bens para dar conta deles. "Fun catedrático con dedicación exclusiva agás entre 1999 e 2002, en que pedín a excedencia" para dedicarse á portavocía do BNG. Ata 1989, explica, viviu de alugueiro "na rúa do Preguntoiro", en Compostela, ata que "a dona do piso lle tendeu unha trampa" á súa parella "e botáronos". "Endebedámonos mercando unha casa no Concello de Brión, rehabilitámola e aí vivimos", nunha propiedade en réxime de "proindiviso" pagada "a base de hipoteca e dun préstamo persoal", endebedamento que rematou "en xuño de 2011".

"É case pornográfico, pero estamos dispostos a facelo para esixir que se poida entrar a saco nos bens dos que se apropiaron indecentemente"

O líder de AGE detalla as características dos seus bens, que non son propios "dun potentado", nun contexto no que "algúns e algunhas dos que están aquí -en referencia ao resto do grupo- nin sequera teñen media propiedade como teño eu". "Os que estamos na política, combatendo, somos os únicos aos que se lles esixen cousas que non se lles esixen aos poderosos" como por exemplo a "[Emilio] Botín", a quen non "meten no trullo por estafar a Facenda". "É case pornográfico, pero estamos dispostos a facelo para esixir que se poida entrar a saco nos bens dos que se apropiaron indecentemente", resolve.

AGE posiciónase sobre a publicación dos patrimonios mentres continúa coa estruturación interna do seu grupo, no que xa foron distribuídas as presenzas nas diversas comisións da Cámara. Así, Beiras e a vicevoceira do grupo, Yolanda Díaz, estarán na comisión de Economía e Orzamentos, na de Ordenación Territorial estarán David Fernández e Antón Sánchez e de Educación e Cultura ocuparanse Ramón Vázquez e Xabier Ron. A comisión de Sanidade, Política Social e Emprego será responsabilidade de Eva Solla e Consuelo García, en Agricultura e Montes estarán Antón Sánchez e Ramón Vázquez e en Pesca, Xan Fajardo e Eva Solla. 

Comparecencia de AGE no Parlamento CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.