Bescansa augura un pacto de esquerda en Galicia rápido e "con poucas discusións"

Villares, con Bescansa e Marta Lois, este xoves en Santiago CC-BY-SA En Marea

A implicación dos principais referentes estatais de Podemos na campaña de En Marea foi moi puntual. Íñigo Errejón, cun mitin en Pontevedra, e Pablo Iglesias, con senllas intervencións na Coruña e Vigo -salferidas polo debate de dirixentes do partido en redes sociais- foran ata agora as únicas presenzas reseñables. Este xoves entrou en campaña Carolina Bescansa, secretaria de Análise Política de Podemos, e fíxoo cun formato de acto que xa desenvolveran as mareas municipais en anteriores comicios: un diálogo co candidato á Presidencia, Luís Villares, que conducido pola edil compostelá Marta Lois serviu para que ambos dirixentes lanzasen as súas ideas forza a respecto do 25S. No caso de Bescansa unha delas foi un augurio: un cambio de goberno en Galicia baseado nun pacto de esquerda "rápido" e "con poucas discusións".

"Saímos gañar", asegura Villares, quen non obstante subliña, como vén facendo durante a campaña, que "abriremos un diálogo" co resto de forzas se o PP perde a maioría absoluta "sexa cal sexa a posición na que nos coloquen os cidadáns. "A mensaxe é clara: por riba da posición, acabar coas políticas de sufrimento". Unha eventual negociación que rematase nun Executivo apoiado por En Marea, o PSdeG e o BNG serviría, a xuízo do candidato, para o cambio en Galicia pero tamén para "amosarlle o camiño á política española", para ensinarlle que "pode haber entendemento" entre "quen estivo en contra dos recortes e da corrupción do PP".

Villares: "Abriremos un diálogo, sexa cal sexa a posición na que nos coloquen os cidadáns"

"Basta con escoitar a Feijóo" para obter, segundo Bescansa, "o sinal inequívoco de que o barco está a afundir". "El -ironiza- pouco menos que di que é do PP de casualidade". "Isto xa rematou", mesmo con independencia do resultado do 25S, mantén. Neste sentido, a 'número tres' de Podemos bosquexa un panorama no que Villares, mantén, estará "o luns pola mañá liderando a formación dun acordo de goberno no que vai haber moi poucas discusións sobre a sanidade, a educación, os recursos públicos... Pode haber discusións de matiz, sobre se facer máis esforzo en educación ou na industrialización, pero estou segura de que estaredes facendo un acordo sen discusión sobre que é o que ten que rematar".

Bescansa: "O reto é chegar ás institucións e que a xente non nos deixe sós alí dentro"

Bescansa encadra o seu "optimismo estrutural" no "cambio estrutural" que, asegura, tamén está a vivir a política galega. "Non ten nada que ver co que publique La Voz de Galicia ou a TVG, tampouco co escándalo que saia a semana que vén". Existen, di, "variables estruturais" como o "comportamento electoral" da xente moza -segundo o CIS, En Marea é a primeira forza entre o electorado máis novo- ou a "escisión" entre quen "defenden a restauración da orde borbónica" e quen "apostan pola creación dun novo sistema de representación". A mudanza, asegura, é "irreversible", e agora "o reto é chegar ás institucións" e, unha vez nelas, "que a xente non nos deixe sós alí dentro, porque están feitas para triturarnos".

Neste contexto é no que Villares encadra algunhas das que, asegura, serían as súas primeiras medidas a impulsar dende a Presidencia, tales como un decreto de garantías sociais que fose alén da RISGA. "Queremos unha reformulación completa para que os itinerarios de inserción" para persoas en situación de pobreza "sexan efectivos". Outra das medidas coas que exemplifica cales serían os principios dese goberno apunta ás políticas de igualdade, que serían "transversais" nun "goberno cohesionado e unido".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.