Besteiro aposta pola reforma constitucional para o encaixe das "comunidades históricas"

Besteiro e Iceta, na sede do PSC en Barcelona CC-BY-NC-SA PSdeG

Reforma constitucional. En plena escalada de tensión tras o veto do Goberno de España á consulta sobre a autodeterminación de Catalunya o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, iniciou este venres en Barcelona a súa rolda de contactos cos novos líderes socialistas nas autonomías definicidas como nacionalidades históricas na Constitución Española do 78. E fíxoo, precisamente, apostando por unha modificación do texto constitucional para un novo encaixe destas autonomías no Estado español, a comezar por Catalunya.

Tras o seu encontro con Miquel Iceta o líder do PSdeG explica que tanto o primeiro secretario do PSC coma el mesmo están a prol "do dereito do pobo catalán a elixir" pero "dentro da lexitimidade demorática e con plenas garantías constitucionais" e isto, sinala, só é posible logralo cunha reforma da Carta Magna. Na liña do que vén defendendo o novo secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, Besteiro coida que a reforma é a única "solución" viable á "crise política" de Catalunya, pero tamén para o avance de Galicia no marco estatal.

Besteiro enmarca a defensa da reforma constitucional na "aposta polo valor do galeguismo e de Galicia como comunidade histórica"

"Aposto polo valor do galeguismo e de Galicia como comunidade histórica", afirma Besteiro tras a xuntanza. Cómpre, afirma, "defender e sacar adiante" esa "idea" para conformar unha nova estrutura do Estado "dende o respecto á importancia que ten ser unha comunidade histórica". Esta formulación, explica, contraponse á "maior crise institucional nos case 40 anos que levamos de democracia", a cal agora se está a vivir en Catalunya "pola incapacidade e incompetencia dos partidos da dereita", en referencia ao PP e CiU. A solución, agrega Iceta, "virá da man do diálogo, a negociación e o pacto".

O acordo a respecto do xeito de desbloquear a situación creada en Catalunya é, para Besteiro e Iceta, unha mostra de que "Galicia e Catalunya teñen que afrontar  desafíos comúns" tales como "crear emprego, acabar coa desigualdade e fomentar a cohesión social" e, todo isto, no "marco federal que caracteriza os socialistas". O PSdeG e o PSC, sinalan, continuarán "avanzando nesta senda". Estas mesmas propostas, informan os socialistas galegos, están a ser trasladadas por Besteiro en "diferentes encontros coa comunidade galega que reside en Catalunya".

Xuntanza entre os líderes socialistas galego e catalán CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.