Besteiro e a corrente En Positivo lánzanse ao proceso de reinvención do PSdeG

Intervención de Besteiro, no acto de Lugo CC-BY-NC-SA PSdeG Lugo

O congreso aínda non está convocado pero o proceso congresual semella lanzado pola vía dos feitos. Senllos actos celebrados este sábado en Lugo e Santiago foron fiel reflexo de parte dos movementos internos e da toma de posicións que se están a producir no seo do PSdeG de cara ao congreso extraordinario chamado á relevar a actual dirección e que, a priori, debera celebrarse na primavera de 2013. Un encontro aberto á militancia dos socialistas de Lugo encabezado polo seu secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, e a presentación en Compostela da plataforma interna En Positivo puxeron simbolicamente en verde o semáforo do proceso de reinvención dos socialistas.

Das dúas xuntanzas a que tivo un carácter máis inédito foi a celebrada na cidade da Muralla. Ante un auditorio cheo Besteiro ratificou a súa intención de "dar un paso á fronte" cando "chegue o momento" de "decidir e comprometerse". Pero, non por casualidade, o tamén presidente da Deputación de Lugo non realizou este anuncio nun mitin ao uso, senón nun encontro no que, baixo o lema Partido aberto, goberno aberto, asegurou que a súa intención é "baixar da cadeira e subir á rúa" nun partido no que, di, debe pesar máis "o G" das súas siglas. "Galeguismo integrador" ou "un militante, un voto" foron algúns dos principios enunciados por Besteiro ante unha militancia que despois tomou a palabra dende o atril xa que, aseguran dende o partido, o líder dos socialistas lugueses acudiu fundamentalmente "a escoitar". Entre o que escoitou, petición de primarias abertas para a elección do secretario xeral ou "listas abertas" para un "goberno aberto".

Besteiro asegura que dará "un paso á fronte cando chegue o momento de comprometerse"

Mentres en Lugo Besteiro se propuña que o PSdeG "volva mobilizar" ante dirixentes como o alcalde da cidade, Xosé López Orozco -non acudiu o ex ministro de Fomento, José Blanco-, nun hotel da capital de Galicia facía a súa presentación oficial a plataforma En Positivo, á que os seus promotores se decidiron a "poñerlle cara" cunha representación de arredor de medio cento de persoas, entre as que figuraba, nun discretísimo segundo plano, o ex deputado Ceferino Díaz, considerado un dos meirandes representantes do galeguismo no partido. Os encargados de poñerlle voz ao acto foron militantes e dirixentes locais da formación, descoñecidos para o gran público e que, aseguran, tentan impulsar unha "rebelión organizada das bases" para lograr unha "redefinición do modelo de partido".

Dende En Positivo aseguran non ter o maior interese nun debate "nominalista" e por iso reclaman a axilización na convocatoria dun congreso extraordinario que primeiro defina o "proxecto" do PSdeG e despois, quen o vai dirixir. Non lles serven os pequenos "axustes" de dirección e programa, explica Antonia Álvarez, de Nogueira de Ramuín. A súa aposta é de "ruptura total, de estruturas e persoas" dende "o respecto aos actuais dirixentes". Trátase, abonda Raquel Bolaño, de Sada, de "pedir perdón" e, acto seguido, iniciar a "refundación" do socialismo galego para "reconcilialo" coa súa base social, afastando un modelo de partido que ven "obsoleto".

En Positivo preséntase como unha "rebelión das bases" e reclama unha "ruptura total"

Cun primeiro documento de traballo sobre a mesa, presentado baixo o título Socialismo e galeguismo para un mundo global o novo colectivo sinala que a súa vocación é de "continuidade", alén do congreso, proceso no que, explica Iván Vaqueiro, apostarán por poñer o "galeguismo político" en primeiro plano. A "loita urxente contra a exclusión e a pobreza", o afastamento dos "ditados do capital" ou o freo aos "axustes que levan á exclusión social" son outras das prioridades que En Positivo marca no inicio deste debate, que agora continuará en grupos de traballo "abertos" e que agardan que culmine nun congreso no a elección dos novos dirixentes se poida realizar en eleccións primarias e non polo sistema de delegados.

Intervención de Besteiro, no acto de Lugo CC-BY-NC-SA PSdeG Lugo
Presentación de 'En Positivo' CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.