Besteiro e Puentes fan quilómetros cun ollo posto en Pachi Vázquez

Besteiro e Puentes, en actos coa militancia CC-BY-SA Praza Pública

Esperando a Pachi Vázquez. As dúas cabezas visibles que apiran a renovar o PSdeG percorren Galicia nas últimas semanas cun ollo posto no actual secretario xeral. José Ramón Gómez Besteiro, como primeiro aspirante ao liderado e Iván Puentes, na súa calidade de portavoz nacional do foro Novo Socialismo Galego, preséntanlle á militancia os seus proxectos alternativos cun interrogante fundamental sobre a mesa: saber se terán que competir nas primarias consultivas de xuño e no Congreso Nacional de xuño co actual líder, quen asegura que desvelará as súas cartas en datas próximas. Todo semella indicar que con esa incógnita acudirán tamén ao Comité Nacional do vindeiro día 26, que convocará formalmente o congreso e definirá as regras para a consulta á militancia.

Mentres Pachi Vázquez mide as súas forzas e a posibilidade de presentarse ou de apoiar unha candidatura alternativa tanto o líder dos socialistas lugeses como o portavoz de NSG continúan a percorrer o país. Nos últimos días ambos pasaron por Pontevedra e os dous, cadaquén co seu discurso, apelaron á renovación do PSdeG para que sexa visto como alternativa para a cidadanía en tempos de crise. "Quero converter o PSdeG na esperanza de todos os galegos e galegas que se esforzan para saír da crise", di Besteiro, quen tamén coincide cos argumentos de Novo Socialismo á hora de apostar por un partido "claramente galego, que sexa autónomo no seu funcionamento" e non teña "tutelas na súa capacidade de decisión". So así, di, o PSdeG poderá ter "cada vez máis peso no proxecto socialista de España".

O Comité Nacional convocará formalmente o congreso e definirá as reglas da consulta á militancia o día 26

O tamén presidente da Deputación de Lugo amósase "disposto a facer da nosa singularidade como país un valor" para que o PSdeG sexa "capaz de afrontar retos propios con solucións propias". "Nós temos retos que non teñen outros, como a demografía ou o envellecemento, que deben pesar na axenda do partido en Madrid", afirma. Para isto, asevera, cómpre que o PSdeG saia do proceso congresual "renovado, unido e forte" e isto pasa pola "rexeneración democrática, a calidade política e a participación máis activa dos militantes", con medidas de "transparencia" e un "código ético" que inclúa preceptos como a "publicación dos salarios da cúpula do partido e dos seus patrimonios, a obriga de aceptar e responder preguntas en todas as roldas de prensa ou poñer á disposición da cidadanía as contas anuais e electorais no mesmo momento no que se remiten ao Tribunal de Contas".

Besteiro e Puentes coinciden en reclamar maior "transparencia" no partido e nas administracións

De "transparencia" fala tamén Iván Puentes, en cuxa opinión o PSdeG debe "empaparse da rúa" para basear nela "o cambio necesario". "O escurantismo e o caciquismo non teñen cabida no novo mundo que xa está a deseñar a cidadanía e o Partido Socialista debe ser o primeiro en levar a todas as institucións estas demandas de máis transparencia e de máis democracia". Estes principios son, so seu xuízo, "ingredientes fundamentais" para o futuro do socialismo galego xunto ao "galeguismo e a esquerda". Trátase, di, de poñer en práctica "un galeguismo realista e práctico" que "conecte co sentimento maioritario da sociedade galega, que se considera parte de España, pero que reclama que Galicia teña un espazo de decisión propio". Sobre a posición de esquerda, Puentes non dubida de que "os mellores resultados" do PSdeG e do PSOE chegaron "cando foi fiel aos principios da esquerda como a solidariedade, a liberdade e a defensa do público".

Neste contexto, o voceiro do colectivo no que se encadran socialistas como Xoaquín Fernández Leiceaga coida que a visión do galeguismo que debe achegar o "novo PSdeG" debe fuxir do "galeguismo folclórico da dereita" pero tamén do nacionalismo. Nos últimos tempos, lamenta, "o PSdeG foi incapaz de reflectir o galeguismo de esquerda no seu proxecto político" e de agora en diante debe facelo, abordando ademais debates como "o modelo de Estado, monarquía ou República ou o laicismo".

Besteiro, con militancia en Pontevedra CC-BY-NC-SA PSdeG Lugo
Puentes, nun acto de NSG CC-BY-NC-SA NSG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.