Besteiro pide a nulidade do proceso contra el e carga contra De Lara por abrilo sen motivos

José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

Besteiro muda a estratexia, pasa ao ataque e nin agarda á declaración do vindeiro 31 de xullo para conseguir a súa desimputación tras a causa aberta contra el pola xuíza Pilar de Lara por catro presuntos delitos polo caso Garañón, unha polémica obra paralizada por orde xudicial dende 2010 e autorizada en 2005 polo concello lucense, cando o actual líder dos socialistas era concelleiro de Urbanismo na cidade. A defensa do secretario xeral do PSdeG vén de presentar un escrito no que solicita a nulidade de todo o proceso por múltiples causas irregulares que achega. No documento, os letrados critican con dureza a maxistrada por abrir unha causa para a que, segundo eles, carecería de competencia e por facelo se indicio novo nin xustificación ningunha. Ao tempo, lembran que o caso foi reactivado xusto cando Besteiro ía ser nomeado senador e converterse en aforado, o que tería impedido ao xulgado lugués continuar co procedemento.

Besteiro muda a estratexia a poucos días da súa declaración e pide a nulidade de todo o proceso por múltiples irregularidades

A defensa de Besteiro reclama a nulidade de todo o proceso por ter incorrido en "diversas causas de nulidade, por vulneración dos dereitos fundamentais ao proceso debido, á defensa e ao xuíz ordinario predeterminado por lei" e piden tamén que se anule a súa citación como imputado pola que a xuíza o chama a declarar o vindeiro 31 de xullo. Ese era o día no que o líder dos socialistas confiaba en conseguir ser desimputado logo da súa declaración, pero as intencións agora son logralo antes e baseándose nas supostas e moreas de irregularidades que se terían cometido no proceso por parte de De Lara. 

A defensa denuncia que se reiniciase un proceso xa arquivado malia non haber indicios novos

Do documento tírase que a maxistrada levou a cabo unha persecución contra Besteiro ao reiniciar un proceso que xa fora arquivado por outro xulgado malia que non apareceu ningún indicio novo que provocase a reapertura da instrución. Fíxoo, como lembra a defensa, baseándose en denuncias de terceiros e en testemuños e actuacións doutro xulgado ao que non podería ter accedido. Ademais, recordan tamén que decidiu ocuparse do proceso contra o ex presidente da Deputación de Lugo malia que non era ela a encargada pola normativa que determina a repartición de procesos entre os xulgados. 

A maxistrada -que dirixe tamén dirixe a operación Pokemon-, imputou o pasado 3 de xullo a Besteiro por autorizar, cando era concelleiro de Urbanismo, a urbanización do Garañón, próxima ao principal parque da cidade, e ademais sospeitar que a cambio recibiu un piso cuxo pago, sostén a instrutora, non está suficientemente xustificado, así como tampouco a procedencia do diñeiro. No entanto, no documento que agora achega a defensa aclárase que eses cartos proveñen dunha hipoteca e aclaran os detalles dunha operación que cren totalmente clarexada

O caso das torres do Garañón está nos xulgados dende finais da década pasada, cando un colectivo veciñal o denunciou polo impacto que esta construción supuña nas costas do parque Rosalía de Castro. No ano 2010 o xulgado de De Lara paralizou a construción cando o esquelete dos edificios xa estaba erguido. Argumentou o freo á obra na posibilidade de que nesta operación se desen presuntos delitos de prevaricación urbanística e contra o ordenamento do territorio, cuestionando ademais a legalidade da licenza municipal.

Dende un primeiro momento o goberno local de Lugo, aínda presidido por Orozco, argumentou que non lle quedou máis remedio que conceder a licenza porque a edificabilidade da zona estaba contemplada no Plan Xeral do ano 1991, impulsado e aprobado cando o PP dirixía o Concello. Mentres, a xuíza veu mantendo que o goberno local tiña especial interese en que a obra seguise adiante. De Lara imputa a Besteiro os delitos de tráfico de influencias, suborno, prevaricación e contra a ordenación do territorio.

Os letrados de Besteiro lembran que a causa retomouse xusto cando Besteiro ía ser nomeado senador

A defensa de Besteiro argumenta tamén agora que os feitos obxecto da imputación "xa deben considerarse prescritos por transcorrer máis de dez anos" e que curiosamente se retomou a causa cando o secretario xeral do PSdeG ía ser nomeado senador. Unha consecuencia diso é o "prexuízo xa materializado" de que Besteiro viuse na obriga de renunciar ao cargo.

A defensa sostén que non se cometeu ningún delito na licenza de urbanización e que o piso non foi ningún agasallo, senón que se pagou mediante hipoteca e que ademais foi un "mal investimento" porque as obras presentaban deficiencias que houbo que corrixir con reformas que se foron do orzamento. Ademais, os avogados recriminan a De Lara que empregue o termo "imputado", xa que coa reforma do Código Penal débese utilizar "investigado", polo que entenden que "non existe auto ningún de imputación".

As inacabadas torres do Garañón, en Lugo © Google Maps

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.