Besteiro propón "sancións" para dirixentes do PSdeG que incumpran o seu programa

Besteiro, nun acto coa militancia CC-BY-NC-SA PSdeG Lugo

"Mecanismos de control" e "sanción" para "os cargos do partido que non cumpran coa súas obrigas de representación ou programáticas". É a proposta que o secretario xeral dos socialistas lucenses e aspirante á secretaría xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, lanzou este luns en Monterroso durante unha xuntanza coa militancia do partido na comarca da Ulloa para presentar o seu "proxecto de partido". Lembrando as reflexións dun "histórico" como José María Maravall, Besteiro coida que "o partido ten que servir de alerta temperá para indicar cando os líderes se afastan do programa político" e actuar ao respcto.

Para o precandidato a suceder a Pachi Vázquez o propio partido debe manexar información sobre "as reaccións dos votantes e sobre o risco derivado de políticas incoherentes cos eixos do socialismo", e para isto defende o que denomina "garantía de voto". Trátase, explica o tamén presidente da Deputación de Lugo, dun "concepto" de "rendición de ontas coa cidadanía, para que a xente sexa quen de coñecer o xulgar o traballo real que fan co seu voto os cargos públicos". Esta práctica "haina que estender a todos os cargos do partido, tanto no Parlamento como nas institucións autonómicas, provinciais e locais", tanto con xuntanzas presenciais como a través "das novas tecnoloxías, para informar e achegar a política á rúa".

O aspirante á secretaría xeral do PSdeG aposta por "Executivas máis operativas e formadas por menos persoas"

Esa combinación de información e "maís democracia interna" é, para Besteiro, o "sentido do socialismo" que debe ter tamén a súa tradución nunha reforma das estruturas de dirección do partido. Así, de chegaría xeral, sinala que apostará por reducir a dimensión das Executivas, tanto da nacional como das demais, para que "sexan máis operativas e curtas, formadas por menos persoas pero con maior actividade real", procurando así "mellor coordinación con toda a militancia e os sectores da cidadanía que precisen ser escoitados". O obxectivo, di, é "traballar mellor, para estar onde é preciso e resolver os problemas da xente".

Manel Vázquez propón a volta ás comarcas

Dende hai semanas hai un terceiro actor no proceso previo ao Congreso Nacional do PSdeG. Mentres o conxunto do partido agarda saber se o actual secretario xeral, Pachi Vázquez, opta ou non á reelección, o alcalde da Illa de Arousa, Manel Vázquez, comezou a facer quilómetros por Galicia para presentarse como aspirante a liderar ao partido, isto é, como unha alternativa máis fronte ás que representan Besteiro e o colectivo Novo Socialismo.

Nas súas presentacións públicas Manel Vázquez aposta tamén por reestruturar o partido, "volvendo establecer unha estrutura comarcal" con "capacidade organizativa e de acción política". Como único organismo provincial quedaría unha "comisión delegada", a cal considera necesaria por "razóns de operatividade", toda vez que a provincia é a "circunscrición electoral actual". En todo caso, estas comisións serían "estritas delegadas das decisións emanadas das comarcas".

O alcalde da Illa aspira tamén á secretaría xeral do PSdeG

Segundo o seu ideario, o ámbito local, concretamente o municipalismo, debe ser tamén o "camiño principal" para que o partido "recupere a confianza". Nesta nova organización "os militantes teñen que ser os que de forma real decidan quen nos vai presentar", afirma o alcalde arousán, quen coida que o mellor mecanismo para lograr este obxectivo son as "votacións en listas abertas, coa finalidade de que sexan representantes aqueles militantes que obteñan maior apoio nos seus territorios".

Besteiro, nun acto coa militancia CC-BY-NC-SA PSdeG Lugo
Manel Vázquez presenta as súas propostas © Candidatomanel.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.