Besteiro reclama solucións "políticas" ao "suicidio demográfico" de Galicia

Besteiro, na presentación dos orzamentos CC-BY-SA Praza Pública

"Xa non é un problema da Galicia interior, só hai unha Galicia e vai cara a atrás". O presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, acudiu este venres ao Parlamento para presentar o orzamento da institución para o ano 2013 e enmarcou as cifras nun chamamento a prol de solucións "políticas" ao problema demográfico do país. "Medran os concellos que non teñen quen medre", ilustra o socialista, nun contexto no que "Galicia xa non precisa a emigración para diminuír". "A situación é moi grave, dende hai 20 anos morren máis galegos e galegas dos que nacen", advirte Besteiro ante os deputados, en cuxa opinión o lexislativo debera poñerse a traballar de inmediato para frear o "suicidio demográfico", en cuxa opinión é "o cancro do século XXI" no caso galego.

"Todos están moi preocupados polas fusións" de concellos, di Besteiro en relación ás prioridades establecidas pola Xunta, pero, "non rematará Galicia fusionada por culpa desta inercia?", pregúntase. Por este motivo, o lugués reclámalle ao Parlamento que, para comezar, "reactive a comisión demográfica" inaugurada a pasada lexislatura, pero neste caso dando lugar a medidas "reais". "Varias poboacións galegas comparten co Xapón o maior índice de envellecemento do mundo" e esta tendencia, explica, pode ser invertida, pero con "políticas que darán froito cando gobernen outros".

Besteiro lamenta o "veto" a Preescolar na Casa e o peche de escolas no rural

Neste sentido, e dende a óptica da provincia de Lugo, Besteiro coida que cómpre unha "aposta polo rural" e "polo emprego". Isto, di, implica "non agrupar nenos que se levan sete anos" na mesma escola ou "non abrir a lexislatura" cun "veto" á iniciativa lexislativa popular para recuperar o labor de Preescolar na Casa". "A natalidade camiña da man do emprego e o emprego incide na natalidade", explica; "por iso o orzamento" da Deputación presenta partidas como "7,5 millóns de euros en emprego", dos cales 3,5 millóns van ao "pacto polo emprego, o proxecto que acadou en Galicia máis cartos do Fondo Social Europeo". Na mesma liña, abonda, vai o proxecto de contrución de 15 residencias de maiores, cuxas prazas a Xunta "rexeita concertar" malia a estar a facer as mesmas operacións "con entidades privadas".

Críticas e resposta

Fronte á súa exposición Besteiro atopou críticas matizadas do BNG -que cogoberna a Deputación- e de AGE, que a través de Cosme Pombo e Ramón Vázquez expuxeron a súa aposta pola supresión dos entes provinciais. No caso de Alternativa a crítica estendeuse ademais ao gasto en "asesores" e "publicidade e propaganda". "Resulta difícil de entender que o PSOE teña tantos asesores como deputados", censurou, nun contexto no que tamén reclamou a fin das axudas públicas ao Club Baloncesto Breogán que non vaia destinadas ao deporte de base.

Pero as críticas máis duras chegaron da banda do PP, cuxo voceiro, José Manuel Balseiro, é tamén secretario provincial dos conservadores na provincia. Para Balseiro a Deputación de Lugo "recorta no máis importante e no que non é importante, non recorta". "O único que non recorta é no que lle interesa nas ambicións de vostede", acusou, para censurar o "crecemento do 35% en publicidade e propaganda". Estas, di, son partidas para a "campaña electoral de imaxe e propaganda para facerse coa secretaría xeral do PSdeG". Do mesmo xeito, Balseiro asegura que "o Goberno da Deputación séguelles saíndo moi caro aos lucenses", aínda que o seu custo estea no entorno do millón de euros, semellante ao da Coruña e Ourense e moi lonxe do de Pontevedra, que se achega aos cinco millóns.

O PP censura o gasto en publicidade, que segundo Besteiro corresponde a turismo e á "obrigada" polos fondos europeos

"Unha parte moi importante desa publicidade ten relación directa coa publicidade obrigatoria dos fondos europeos, dos que temos tres grandes programas", retrucou Besteiro, quen ademais detallou que a outra grande achega neste ámbito pertence á "difusión turística": "nós non queremos facer de Galicia ese pequeno segredo, queremos difundila", ironizou, en referencia ás campañas de promoción turística da Xunta. O turismo, conclúe, é unha das liñas principais do orzamento polo seu potencial económico e de emprego. Estas, abonda, nun ton que transcendeu o debate local, son políticas dun "programa progresista e de esquerdas que temos que construír os partidos que así o entendemos onde temos a responsabilidade de gobernar e que temos que facer triunfar na nosa terra". "Dende Lugo, pero pensando no meu país, que é Galicia", subliñou, no que tamén semellou unha chiscadela ao ámbito político galego.

Besteiro, na presentación dos orzamentos CC-BY-SA Praza Pública
Vázquez e Pombo, durante o debate CC-BY-SA Praza Pública
Balseiro diríxese a Besteiro CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.