BNG e Anova viaxan a Cataluña para apoiar o 9-N

Presenza galega na V catalá da última Diada Dominio Público Praza Pública

As dúas principais forzas nacionalistas galegas, Anova e BNG, viaxan esta fin de semana a Cataluña para participar como observadores no proceso participativo do domingo e para apoiar e reivindicar o dereito do pobo catalán a "ser consultado e a decidir sobre o seu futuro político" nunha "consulta democrática e popular".

BNG e Anova apoian o dereito a decidir dos cataláns "nunha consulta democrática e popular"

Ana Miranda, Camilo Nogueira e André Abal, membros do Consello Nacional, conformarán a delegación oficial do Bloque que seguirá desde Cataluña a xornada do 9-N logo de que a formación nacionalista fose convidada polo ERC e a CUP. Por parte de Anova, serán o coordinador nacional, Antón Sánchez, e a responsable de relacións sociopolíticas, Xiana López, os que acudirán invitados neste caso pola CUP.

Todos eles participarán en diferentes actos destas organizacións independentistas neste sábado, mentres que o domingo visitarán diversas mesas electorais, formando parte dunha delegación oficial integrada por formacións políticas doutras nacións sen estado en Europa, como Euskadi, Flandes, Gales, Escocia, Córcega ou Bretaña, entre outros.

A delegación aclara que os seus representantes estarán entre os máis de cen observadores internacionais, que xa mañá día 8 ofrecerán unha rolda de prensa colectiva organizada pola International Commission of European Citizens (ICEC) no Ateneu Barcelonès. Tamén estará presenta Nós-UP, a través dos seus representantes Carlos Morais e Iago Moreno.

As dúas formacións nacionalistas confían en que o Estado "non torpedee a consulta" que "nin entende nin quere entender"

"Apoiaremos un proceso democrático e popular que o Estado español nin entende nin quere entender", asegura Anova, mentres que o BNG "confía en que o Goberno central non torpedee a consulta do 9-N, como xa fixo co referendo soberanista pese a contar co apoio da maioría do Parlament, e que a cidadanía catalá poda participar e votar libremente". "O dereito a decidir dos pobos forma parte da esencia da democracia", insiste o Bloque.

O BNG cre que "é evidente que as lexítimas aspiracións da maioría da sociedade de Cataluña para avanzar cara a súa independencia ten iniciado un debate sobre o actual modelo territorial do que Galiza pode quedar á marxe polo desleixo e a submisión do Goberno de Feijóo á estratexia recentralizadora do PP". Así, defende que "Galiza siga entre as nacións que aspiran a avanzar cara a soberanía, e reitera o seu apoio á loita do pobo catalán para converterse nunha nación de pleno dereito en Europa".

O BNG advirte que "Galiza pode quedar á marxe do debate sobre o modelo territorial polo desleixo e submisión de Feijóo"

Anova, pola súa banda, quere coa súa presenza en Cataluña "achegar" o seu "gran de area nesta data histórica para o pobo catalán e para os demais pobos e nacións sen Estado propio, que como o galego aspiran á plena vixencia dos seus dereitos colectivos, da súa plena soberanía e da súa lexítima e democrática autodeterminación".

Ademais, a formación que lideran Xosé Manuel Beiras e Martiño Noriega manifesta a súa "preocupación polos niveis de autoritarismo que está a manifestar o Estado español, o seu goberno e as institucións xurídicas que, no canto de ser garantes de procesos democráticos que faciliten a participación da cidadanía, que é onde reside a soberanía dun pobo, son instrumentalizados en contra das arelas democráticas e lexítimas manifestadas polo pobo irmán catalán".

CxG agarda "unha alta participación que sexa a derrota da visión monolítica do Estado que teñen PP e PSOE"

Pola súa banda, o secretario xeral de Compromiso por Galicia, Xoán Bascuas, animou a sociedade catalá a votar no proceso participativo que se desenvolverá o vindeiro domingo día 9 de novembro, “xa que unha alta participación é a derrota da visión monolítica do Estado que teñen PP e PSOE”. O líder galeguista amosou a súa solidariedade con Cataluña e con todos os pobos, “que libre e democraticamente queiran exercer o seu dereito a decidir” e criticou o presidente do Goberno do Estado, Mariano Rajoy, “de esconderse detrás da Constitución para intentar resolver un claro problema político”.

'Referendo' sobre Galicia en varias asociacións

Ademais, este 7 de novembro, dous días antes de que en Cataluña se celebra a consulta, os socios do centro social A Gentalha do Pichel, en Compostela, estaban convocados a un referendo "sobre o futuro político da Galiza". Con boletíns de voto e urna -e no marco dunha xornada sobre o proceso catalán-, os asociados ao colectivo puideron responder ás mesmas preguntas que se farán aló pero en referencia ao país.

A esta consulta adheríronse tamén a Fundaçom Artábria de Ferrol ou Cultura do País de Lugo, polo que os seus asociados tamén puideron acudir aos centro sociais para participar neste referendo reivindicativo o venres. Para o sábado queda a consulta no centro social Gomes Gaioso da Coruña.

Presenza galega na V catalá da última Diada Dominio Público Praza Pública
Vence e outros dirixentes do BNG, durante a Diada © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.