Bota a andar Galiza pola Soberanía

Asemblea fundacional de GPS © @BrunoLTeixeiro

Galiza pola Soberanía (GPS) xa é unha realidade. O movemento social a prol da consecución dun Estado propio para Galicia que se vén xestando dende hai meses con diferentes contactos entre forzas nacionalistas, soberanistas e independendistas botou a andar este sábado formalmente cunha asemblea en Compostela e a redacción dun manifesto subscrito por duascentas persoas. "O diálogo, a intervención, o debate, a axitación social e a mobilización" son as vías desta iniciativa para que a "maioría do pobo galego" tome "consciencia" no "proceso de construción nacional". O obxectivo que presentan é claro: "camiñarmos cara a unha situación de soberanía plena, fixada na consecución dun Estado galego".

Representantes de formacións políticas -entre eles, varios membros da Executiva do BNG- e persoas do mundo da cultura, do ensino ou dos movementos sociais, entre outros ámbitos, puxeron a súa sinatura nun manifesto que expresa "unha profunda inquietude sobre os graves efectos que para a nosa nación ten a presente crise e as políticas antisociais ditadas pola Troika" que desenvolven tanto o Goberno central como a Xunta. Neste contexto, os promotores e promotoras de GPS amosan o "convencemento" de que "a nosa acción solidaria" é o "instrumento necesario para construírmos unha sociedade xusta e igualitaria" e, neste camiño, din, a vía é "a emancipación nacional, social e de xénero".

A iniciativa GPS márcase o obxectivo de "camiñar cara a unha situación de soberanía plena, fixada na consecución dun Estado galego"

O diagnóstico de Galiza pola Soberanía pasa por unha situación na que "os poderes políticos e económicos do Estado español" traballan "en interese propio", provocando "o desmantelamento dos nosos sectores produtivos" e a "explotación depredadora das nosas fontes enerxéticas", todo isto combinado cunha "campaña sistemática de asimilación cultural e lingüística" e "un proceso constante de recentralización". A emigración ou o "ataque amplo e profundo ás liberdades e dereitos" son outras circunstancias que levan as persoas que impulsan GPS a afirmar que "somos as mulleres e homes da nación galega quen ha de tomar nas súas mans a responsabilidade de construír un futuro diferente, libre das políticas impostas polo Estado español e a UE.

Neste contexto, a devandita "consecución" dun Estado galego procurarase a partir de diversas actividades políticas conducidas a lograr un país "antipatriarcal, laico e radicalmente democrático" con base "nunha república para construírmos, de maneira pacífica e solidaria, unha sociedade xusta, libre e verdadeiramente igualitaria". Por estes obxectivos traballará tamén a primeira coordinadora nacional de Galiza pola Soberanía, formada por Maurício Castro, Elvira Souto, Vítor Vaqueiro, Paula Ríos, Teresa Moure, Breixo Lousada, Marta Dacosta, Xosé Manuel Casal, Duarte Correa, Francisco Miranda, Paulo Martearena, Andrea Martínez, Aurélio Lópes, Miguel Cuba, Sabela Fraga, Pablo Prado e Ana Costoya.

 

Asemblea fundacional de GPS © @BrunoLTeixeiro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.