Caballero cualifica a Feijóo de "camaleón político" por falar de absterse na investidura mentres apoia o pacto con Vox

Patricia Otero, Gonzalo Caballero e Lara Méndez na clausura do congreso do PSdeG-PSOE lucense © PSdeG-PSOE

O PSdeG-PSOE pechou este sábado o seu congreso provincial en Lugo, no que saíu elixida unha nova Executiva, Patricia Otero como nova secretaria xeral e José Tomé como presidente. O congreso extraordinario foi clausurado por Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG-PSOE, que fixo votos por desbloquear a situación política que impediu pechar un acordo para investir a Pedro Sánchez como presidente do Goberno.

Caballero salientou o “esforzo” do PSOE ao “abrir as portas á formación dun goberno de coalición por primeira vez na historia democrática de España”, e pediu “responsabilidade” a todas as forzas de esquerda, lembrando que as tres dereitas “van seguir na loita”.

O líder dos socialistas galegos dirixiuse tamén a Alberto Núñez Feijóo, ao que cualificou de "camaleón político" por "falar agora de absterse" na investidura de Sánchez "á vez que aplaude os pactos PP-Vox en Murcia ou Andalucía". Caballero retou a Feijóo a “dar instrucións aos seus deputados para que deixen a súa campaña de ataque a Pedro Sánchez” e así posibilitar a conformación "do único goberno de España viable".

Caballero chamou a "traballar arreo" nos próximos meses, de cara ás eleccións autonómicas, para deseñar políticas que "permitan un cambio político"

O secretario xeral do PSdeG chamou a "traballar arreo" nos próximos meses, de cara ás eleccións autonómicas, para deseñar políticas que "permitan un cambio político" que dea “máis futuro” a Galicia e liberen á Xunta do “couto privado no que a quere converter Feijóo".

Pola súa banda, Patricia Otero marcouse como “reto” conseguir que Gonzalo Caballero sexa “o vindeiro presidente da Xunta” e poñer fin así ao “fracaso” que a década de Feijóo á fronte da Xunta ten representado para Galicia e para Lugo, dixo. Otero fixo un chamamento á "unidade interna" e afirmou que "todos xuntos e todas xuntas temos que poñernos a remar no mesmo sentido para levar o barco ao mellor porto. Porque Lugo ten futuro”, concluíu a deputada burelense, utilizando así o lema do congreso.

Patricia Otero, secretaria xeral provincial do PSdeG-PSOE en Lugo © PSdeG-PSOE
Executiva provincial do PSdeG-PSOE en Lugo © PSdeG-PSOE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.