Tras a dimisión de José Ramón Gómez Besteiro, o pasado marzo, a dirección federal do PSOE puxo á fronte da xestora do PSdeG a Pilar Cancela, ata ese momento secretaria de organización. Nese órgano, que ten encomendada a tarefa de organizar o proceso de primarias -previsiblemente, serán convocadas esta semana- e de convocar nun máximo de seis meses o Congreso Nacional que elixa a nova dirección, non senta ningún representante dos socialistas vigueses. No entanto, dende o primeiro momento deuse por feito que a posición da potente agrupación socialista viguesa e, nomeadamente, do alcalde Abel Caballero, sería determinante á hora de bosquexar a estratexia e elixir a candidatura. Este é o escenario no que Caballero vén de iniciar unha xira por diversos puntos do país. A súa intención, afirma, é "revitalizar" o partido.
O roteiro do rexedor vigués e tamén presidente da FEMP comezou este luns en Ferrol e Ourense, e continúa este martes por Lugo e A Coruña. No caso dos concellos gobernados ou cogobernados polos socialistas, caso do ferrolán e do lucense, o motivo oficial das visitas é o intercambio de experiencias e a colaboración entre municipios. No entanto, en cada encontro transloce o debate sobre o futuro do PSdeG, formación cara á que, segundo Caballero, boa parte da cidadanía está a "mirar" non só "porque gobernamos unha parte moi importante dos concellos e tres deputación", senón tamén porque, "con toda probabilidade", será ao PSdeG a quen lle corresponda a presidencia da Xunta dende as vindeiras eleccións.
O alcalde vigués afirma que a súa intención é "revitalizar" o partido a partir dos seus cargos locais, que están a protagonizar unha "revolución"
Neste sentido, e fronte ás reclamacións xurdidas nas agrupacións coruñesa ou ourensá, o alcalde de Vigo advirte de que o que "toca agora" non é a celebración do congreso para designar nova dirección, un adianto que a dirección federal do PSOE tampouco vería con bos ollos. O que corresponde, advirte, é poñer en marcha as primarias para "elixir un magnífico candidato ou candidata" e poñelo á fronte da alternativa electoral "dun partido moi cohesionado en toda Galicia" que "articule un moi bo proxecto, porque sabemos que é moi probable que gobernemos Galicia".
É neste punto no que, di, se encadran as súas visitas. "A revolución política estámola facendo os alcaldes e alcaldesas, nos gobernos e cogobernos socialistas", asegura. Mentres a Xunta se caracteriza pola "desatención social da política social" porque Feijóo "é moi de dereitas e quere dedicar os recursos a outras cousas", di, os municipios do PSdeG destacan en áreas como a loita contra os desafiuzamentos, aínda que "tería que estar facéndoo a Xunta, que é quen ten a obriga".
"Vai haber primarias e un magnífico candidato ou candidata" que vai "gobernar Galicia", augura
E, para facer todo isto, cando correspondería culminar a elección da candidatura? "Nós buscaremos os nosos tempos, o importante é desenvolver un proxecto que atenda de verdade o que está pasando en Galicia", retruca Caballero, en cuxa opinión un adianto electoral a xuño só respondería ao "vantaxismo de Feijóo", quen pensa "en función dos seus intereses persoais" e na evolución dos acontecementos "en Madrid". El, pola súa banda, continuará a fomentar o "intercambio" de experiencias entre gobernos locais. Os seus plans, mantén, pasan por continuar á fronte do Concello de Vigo uns "vinte anos" máis.
Os movementos de Caballero espertan receos na xestora, avalada pola dirección federal
Tras expresarse deste xeito en Ferrol, a xira de Caballero continuou por Lugo, onde acudiu coa súa primeira tenente de Alcaldía e presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e non aforrou eloxios para a rexedora local, Lara Méndez, e para a propia cidade, onde rematou expresando o seu desexo de que o Club Deportivo Lugo ascenda á primeira división. A xornada do rexedor vigués remata cunha conferencia na Coruña, onde en declaracións á emisora local da SER debullou de novo o seu proxecto de "revitalización" do PSdeG. Sen que polo momento transcenda aposta ningunha para liderar a candidatura á Xunta, dende a xestora do partido, que ostenta a confianza do equipo de Pedro Sánchez, óllase con receo cara aos movementos de Caballero. "Eu non son da xestora", evidencia Caballero, pero "estean tranquilos: vai haber primarias, un magnífico candidato ou candidata e un proceso para compactarse".