Caballero: "O PSOE volve estar onde lle corresponde e o PSdeG debe aproveitar este vento"

Gonzalo Caballero Dominio Público Praza Pública

Participante nas primarias por ser candidato á presidencia da Xunta e finalmente apoio de Leiceaga para derrotar a Méndez Romeu, este militante vigués enfróntase agora ao portavoz parlamentario e mais a Villoslada na carreira por liderar o PSdeG. Orgulloso do seu radical apoio a Pedro Sánchez na batalla que a formación viviu a nivel federal, está convencido de que os socialistas xa recuperaron o liderado da esquerda ante o "estancamento" dos "emerxentes". 

Como vive este longo camiño cara ás primarias? Percibe ilusión?

Levo percorrendo as agrupacións de Galicia desde o mes de xullo e percibo moito impulso e vontade de cambio por parte da militancia de base. O socialismo galego necesita abrir un novo tempo político en Galicia e os militantes sabemos que non podemos caer nun novo erro facendo unha prórroga do tempo vivido até agora. Estas primarias son unha oportunidade para cambiar, abrir unha nova etapa de rexeneración e renovación e impulsar un novo proxecto e novos referentes políticos e liñas de actuación. Debemos fortalecer o partido para darlle unha alternativa de futuro e de esquerda a Galicia. 

"Os socialistas non podemos caer nun novo erro e facer unha prórroga do tempo vivido até agora"

A precampaña comezou cunhas polémicas declaracións súas aludindo ao pasado de Villoslada como funcionario público na Xunta de Fraga. Mantén o dito?

Ao final, as primarias son un exercicio de participación e de debate de ideas. Os militantes poderán valorar os candidatos e eu teño unha longa traxectoria no partido, co máis de 22 anos de militancia. Sempre estiven no socialismo galego loitando contra as políticas da dereita en Galicia e en España. Esa é a miña traxectoria e a miña mochila, a do compromiso coa esquerda do país. 

"O debate parlamentario non chega para acantoar a dereita e desgatar a Feijóo"

Tamén falou de falta de contundencia no debate coa dereita en Galicia.

Creo que o debate parlamentario en Galicia é moi importante, pero non chega con iso para acantoar a dereita e desgastar a Feijóo como presidente da Xunta. É necesario fortalecer o PSdeG para ter unha alternativa máis forte e que na rúa convenza a cidadanía galega que a democracia é alternancia e que en Galicia é necesario darlle un cambio de goberno ao país. A Galicia social e económica vai a peor, hai menos oportunidades e iso contrasta coas maiorías conservadoras nas eleccións autonómicas. Conseguir retirar o control que a dereita ten sobre a Administración autonómica pasa por ter un partido máis forte que teña máis presenza na sociedade e poida facer máis contundente o debate coas ideas conservadoras. 

"O PSOE, con Pedro Sánchez, volve estar onde lle corresponde; temos que aproveitar ese vento para impulsar tamén o PSdeG"

Sen acordos con outras formacións, quitarlle o poder ao PP semella imposible.

O PSdeG é a esquerda do país e, tras o resultado das últimas primarias a nivel federal, os socialistas volvemos situarnos como a alternativa ao PP. Temos asentado a nosa posición contra as políticas da dereita, rectificando a abstención dada ao goberno do PP. Volvemos estar onde nos corresponde coa elección de Pedro Sánchez, coa que se abre un novo tempo político de recuperación electoral. En Galicia temos que aproveitar este vento para impulsar o PSdeG. A nosa tarefa debe ser reconstruír o noso proxecto e o noso partido, e unha vez saiamos deste proceso, en cada convocatoria electoral haberá que establecer as distintas estratexias de acordo ou diálogo que debamos ter. Agora o que toca é reconstruír e fortalecer o partido. 

"O ciclo a favor dos partidos emerxentes está estancado ante o novo tempo político protagonizado polo PSOE e Pedro Sánchez"

Que balance foi dos acordos ou da colaboración do PSdeG coas mareas ou o BNG?

O ámbito de actuación do PSdeG é a esquerda, estamos enfronte do PP e non caben acordos cos populares. Temos que conseguir que o PSdeG recupere o liderado dunha maioría social de progreso porque para conseguir retirar o PP da Xunta precisamos un socialismo galego forte. As experiencias de gobernos municipais son moi variadas, pero o que se percibe tamén é que o ciclo a favor dos partidos denominados emerxentes, tanto a nivel estatal como galego, está en fase de estancamento ante un novo tempo político protagonizado polo PSOE e Pedro Sánchez. 

Cal é a súa posición respecto do proceso de independencia catalán?

Os socialistas construímos, con outras forzas, o modelo constitucional español nun momento dificil, impulsamos o Estado das autonomías e unha importante descentralización. Nos últimos anos vivimos un problema de gobernanza relacionado co independentismo que teremos que saber artellar. Parece viable alcanzar cara a un modelo de federalismo asimétrico ou Estado plurinacional e os socialistas estaremos traballando para acadar un modelo que garanta a soberanía no conxunto de España, pero que tamén sexa respectuoso e cómodo dos sentimentos nacionalistas no país. 

"Se o modelo de Estado avanza cara a un plurinacional, Galicia deberá ser considerada unha nación"

Galicia sería unha nac nese Estado plurinacional, como dixo Pedro Sánchez?

Galicia, de acordo á Constitución, é unha nacionalidade histórica, ao nivel de Euskadi e Catalunya. Se na reformulación do modelo de Estado avanzamos cara a un modelo plurinacional no que estas nacionalidades históricas pasen a ser nación, evidentemente Galicia deberá ser considerada nación. En todo caso, isto dependerá de como se resolva o proceso de configuración dun novo modelo descentralizado da gobernanza do Estado. A idea de nación de nacións retoma propostas precedentes que mesmo empregara Felipe González no pasado. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.