"Cal é o papel da Virxe na saída da crise?"

Pilar Rojo, nun intre da ofrenda © Parlamento de Galicia

Dúas veces ao ano, a Xefatura do Estado póstrase ante o Apóstolo Santiago. Xeralmente delegando nunha autoridade galega, como o presidente da Xunta, a presidenta do Parlamento ou o alcalde de Santiago, a Casa Real acode á Catedral compostelá cada 25 de xullo e cada 30 de decembro para encomendarlle ao santo tarefas mundanas como loitar contra o desemprego, acougar as persoas en dificultades ou pular polo crecemento económico. O último cargo público ao que se lle encomendou tal misión foi a tenente de alcalde santiaguesa, Reyes Leis, que acudiu ao "señor Santiago" para buscar fórmulas de "sostibilidade" do Estado do Benestar. Na liña do rito que a realeza española vén realizando en Galicia dende o século XVII diversos membros do Goberno de España veñen solicitando nos últimos meses intercesión divina para cuestións políticas e un deputado decidiu tentar coñecer o grao de influencia destas plegarias.

Fronte ás tradicionais críticas por mesturar Igrexa e Estado o parlamentario de Amaiur no Congreso Jon Iñarritu bota man da retranca para poñer o gabinete de Mariano Rajoy ante o espello. Aínda que obvia as reiteradas plegarias ao Apóstolo, Iñarritu recompila algunhas das máis recentes apelacións aos ceos, dende a Virxe do Rocío da ministra de Emprego ata a Santa Teresa de Jesús do titular de Interior, para pedir explicacións por escrito. O deputado vasco lembra os episodios protagonizados por Fátima Báñez e Jorge Fernández Díaz e, "por se fose pouco", lembra que en 2012 o Goberno "lle impuxo a Gran Cruz da Orde do Mérito Civil á Virxe do Pilar".

"Estima que hai máis intercesións divinas e sobrenaturais na situación actual do Estado?", pregunta tamén Jon Iñarritu

"O feito de que España sexa un estado aconfesional e que estes representantes gobernamentais fixesen estas declaracións en actos públicos en ton serio son feitos que lembran tempos pretéritos, nos que o nacional-catolicismo era un dos sinais de identidade do Estado", argumenta Iñarritu, quen chama a recortar que "o ditador Francisco Franco tamén lle atribuía poderes sobrenaturais e intercesións a Santa Teresa e, por isto, unha reliquia da santa o acompañou na súa mesiña de noite durante toda a ditadura". "Por todo isto", Amaiur pide información.

Así as cousas, o Goberno central deberá explicar "como considera o ministro do Interior que intercede santa Teresa de Jesús por España" e aclarar "cal é o papel da Virxe do Rocío na saída da crise". Ao tempo, Interior terá que sinalar se "notou melloras tras a condecoración á Virxe do Pilar" e "cales" foron e o Goberno en xeral deberá dicir se "estima que hai máis intercesións divinas e sobrenaturais na situación actual do Estado" e "de quen". Retrancas á marxe, o deputado de Amaiur conclúe instando o Executivo a explicar se "considera que respecta a aconfesionalidade do Estado" e se "ten intención de promover que España se convirta nun Estado confesional".

Preguntas formuladas por Jon Iñarritu (premer para ampliar) © Amaiur

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.