Callón reivindica NÓS como "rumbo firme para Galiza" e "garantía para mudar o goberno do Estado"

Callón iza a bandeira nun barco do cerco CC-BY-NC-SA NÓS

Nun barco. O último día de campaña, coma o último. E izando unha bandeira nacionalista galega. O cabeza de lista pola Coruña de NÓS-Candidatura Galega, Carlos Callón, celebrou o seu último acto de campaña antes do peche da noite a bordo dun barco do cerco en Sada, acompañado do mariñeiro e tamén candidato Manuel Presas, tal e como fixera na noite electoral na dársena da Mariña. Outra imaxe simbólica para deixar claro que NÓS “ten un rumbo firme para Galiza”.

Callón lembra que NÓS "ten folla de ruta para Galiza" e é tamén "garantía para mudar o goberno do Estado"

“A bordo deste barco do cerco queremos simbolizar que NÓS ten folla de ruta para este país ao que o 20 de decembro lle ofrecemos ser garantía para mudar o goberno do Estado, -porque nunca permitiremos que goberne a dereita, nin a vella, nin a nova-, e ao mesmo tempo somos a única opción capaz de darlle voz propia a Galiza en Madrid, como fixo o BNG nos últimos vinte anos”, asegurou Callón, que pediu aos galegos que non se resignanena escoller entre o novo bipartidismo a catro “empaquetado e teledirixido como produto de consumo electoral”.

“Na campaña quedou perfectamente claro que só NÓS-Candidatura Galega falou dos problemas reais do país e, igual de importante, a única que puxo propostas concretas para solucionalos”, lembrou, para deixar claro o contraste coas forzas estatais. De feito, Callón insistiu en que "nin Rajoy, nin Pedro Sánchez, Albert Rivera, nin Pablo Iglesias dixeron unha soa palabra sobre a nosa mocidade emigrada, sobre o feito de que temos as pensións e os salarios á cola pese a estar á cabeza en horas traballadas, nin nos nosos sectores produtivos". "Nada, pero si falaron doutros territorios”, advertiu. 

NÓS lembra que "nin Rajoy, nin Sánchez, nin Rivera, nin Iglesias" falaron dos problemas de Galicia durante a campaña

Callón izou a bandeira galega antes de participar, desde as 20.30 horas, no mitin de peche de NÓS no Paraninfo da Universidade da Coruña, onde tamén participará o voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, e onde Xosé Luís Rivas, Mini, Navia Rivas e Jasper interpretarán en directo o tema orixinal de campaña da Candidatura Galega. 

Callón iza a bandeira nun barco do cerco CC-BY-NC-SA NÓS

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.