Cando as pensións eran intocables...

Rajoy, chegando a un Consello Europeo en Bruxelas © Goberno de España

Entre os pensionistas e a redución do déficit, o Goberno escolleu comprometerse co segundo. O temor de moitos de que as pensións non se revalorizarían acorde coa subida do IPC viuse confirmado aínda que Mariano Rajoy prometera que non o faría porque era unha "liña vermella" que non quería traspasar, e combateuno na oposición cando José Luís Rodríguez Zapatero conxelou as pensións (vídeo). No debate electoral con Alfredo Pérez Rubalcaba, o entón candidato 'popular' usou o argumento das pensións para atacar o Goberno do PSOE. Era o 7 de novembro de 2011, hai pouco máis dun ano. O Goberno xogou despois ao descoido e só respondía que cumpriría a lei. O secretario de Estado de Seguridade Social chegou a asegurar que se revalorizarían porque "había marxe".

10 de setembro 

"Se hai algo que non tocarei son as pensións" foi un dos titulares da primeira entrevista que Mariano Rajoy concedía a TVE despois de gañar as eleccións. A explicación soaba moi lóxica: "A fin e ao cabo, o pensionista é a persoa máis indefensa, é o que o ten máis difícil, xa non vai ter outra oportunidade". Como dato curioso, o presidente empezaba a súa resposta dicindo aos xornalistas: "Non sei por que me preguntan vostedes polas pensións".

21 de setembro

Nun encontro informal cos xornalistas que o acompañaban en Roma, onde asistía a unha reunión da Internacional Demócrata de Centro, Rajoy falou de novo de pensións. Foi o 21 de setembro: "Eu creo que as subiremos". Non deu detalles sobre a revalorización obrigada pola desviación do IPC.

25 de setembro

A vicepresidenta, Soraya Sáenz de Santamaría, asegurou na Ser: "As pensións vanse a subir e axustaranse á subida da vida"

22 de setembro

O ministro de Economía e Competitividade, Luis de Guindos, tras reunirse cos líderes autonómicos do PP: "As pensións serán unha partida prioritaria desde o punto de vista do gasto público".

10 de outubro

A ministra de Emprego e Seguridade Social, Fátima Báñez, na sesión do control ao Goberno, en resposta á deputada socialista Magdalena Valerio: "Sacaron ese diñeiro pola porta de atrás (...) Non o usaron para pagar as pensións porque as conxelaron en 2011. Que barbaridade! Que deslealdade cos pensionistas!. Nós démoslles tranquilidade e seguridade, porque as pensións están garantidas e os fondos adicionais están para pagar as pensións relixiosamente. O que non imos facer nunca é conxelar as pensións, como fixeron vostedes".

8 de novembro

Quizá o máis contundente en negar que as pagas dos pensionistas se verían afectadas por decisión do Goberno foi o secretario de Estado de Seguridade Social, Tomás Burgos. O día 8 deste mes, comparecía ante o Pacto de Toledo e protestaba por ter que estar a desmentir o que moitos temían. Burgos queixouse de que se estivese "invertindo a carga da proba" e atopaba "un exercicio ocioso e inútil pedirlle a un Goberno que sistematicamente afirme que vai cumprir a lei".

26 de novembro

Hai cinco días, Burgos insistiu en que había "marxe orzamentaria para revalorizalas".

Santamaría e Báñez anuncian a non actualización das pensións © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.