Cando era o PP quen facía 'escraches'

Membros de Novas Xeracións, ante a casa de Vázquez en 2009 © Vieiros

No solleiro setembro de 2009 poucas persoas manexaban habitualmente o termo escrache fóra da Arxentina. Tampouco na política galega, que vivía o seu primeiro outono tras o retorno do PP á Xunta. Na última fin de semana daquel mes os conservadores aproveitaron o sábado para agasallar o seu líder cun baño de multitudes no recinto feiral de Silleda. Aparentemente alleos aos avatares que sacudían o partido noutras latitudes, os populares non aforraban eloxios para Alberto Núñez Feijóo, abondosamente fotografado nun mar de bandeiras. Naquela eufórica celebración xa corría o ruxerruxe do que ía acontecer poucas horas despois no pequeno concello ourensán de San Amaro: unha manifestación ante a casa dun político. O que, se cadra, na actualidade sería considerado un "escrache".

Naquela mobilización os protagonistas non eran persoas afectadas polos desafiuzamentos nin os colectivos que as apoian. Como nalgúns dos denominados escraches do presente 2013, a convocatoria tampouco tivo excesivo éxito; a ela acudiron dúas ducias escasas de persoas, que se achegaron a ela en vehículos de alta gama e portando enormes pancartas non feitas a man, senón acabadas de saír da imprenta. Como nas protestas que actualmente os populares equiparan ao "nazismo", en verbas da secretaria xeral do partido, Dolores de Cospedal, ao outro lado da porta estaba a vivenda dun deputado, o secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez.

"Todas as concentracións democráticas teñen un sentido", valorou Feijóo en 2009 sobre a protesta ante a casa de Pachi Vázquez

"Pachi, así sí hay quien viva", "Hacienda somos todos" ou "La próxima fiesta, en el pazo de Pachi ¡Pásalo!" eran algunhas das consignas que se podían ler nas pancartas transportadas ata San Amaro por integrantes das Novas Xeracións do PP, que con estes lemas aludían ás acusacións que o seu partido lanzaba contra o socialista. Segundo a formación dirixida por Feijóo, Vázquez non pagara as taxas que correspondían por realizar reformas na súa vivenda e por iso as súas mocidades acudiarn a manifestarse. Acudiran á casa, argumentaban dende Novas Xeracións, para evidenciar "o feito de que para o PSOE non todos os cidadáns somos iguais", nunha manifestación desenvolvida "co maior do respectos", aseguraban entre acusacións de "evasión fiscal". 

Mentres Pachi Vázquez restaba importancia ás acusacións dos conservadores por ter "a conciencia moi tranquila", quen daquela levaba apenas seis meses na Presidencia da Xunta saía na defensa dos seus compañeiros de partido máis mozos. "Todas as concentracións democráticas teñen un sentido", sentenciou ao ser preguntado pola prensa sobre a concentración ante a vivenda privada do líder socialista.

 

 

Membros de Novas Xeracións, ante a casa de Vázquez en 2009 © Vieiros
Protesta de Novas Xeracións en San Amaro © Vieiros

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.