"-Canto custa a exposición no Gaiás? -Galicia ten unha marabillosa costa"

Jesús Vázquez, na sinatura dunha cesión de materiais para a exposición © Conchi Paz

O pasado 21 de febreiro a Axencia Turismo de Galicia formalizaba por 226.060 euros coa empresa Produccións e Xestión Cultural o contrato para a montaxe da exposición Auga Doce na Cidade da Cultura. O día 27 o mesmo organismo autonómico, que se encarga desta exposición no Gaiás malia estar, teoricamente, centrado na promoción turística, formalizaba a contratación do transporte das obras de arte que compoñen esta mostra por algo máis de 433.000 euros. Son os principais gastos dunha exposición polos que a oposición viña preguntando e segue a facelo con escaso éxito.

As últimas en tentar coñecer estas cifras -que, por outra banda, son públicos en virtude da Lei de Transparencia de 2006- foron as deputadas do BNG Carme Adán e Tereixa Paz. Nunha pregunta rexistrada o 4 de febreiro as nacionalistas cuestionaban o Goberno pola "natureza e obxectivo da exposición", sobre "cal vai ser a súa cronoloxía e planificación de percorrido" e, sobre todo, polo "importe total" do evento e o "retorno económico previsto".

O 5 de marzo, unha semana despois da última adxudicación, saía a resposta de San Caetano con rumbo ao Parlamento. Ao longo de dúas páxinas o organismo que dirixe Nava Castro diserta sobre os elementos que compoñen a exposición e case sobre a filosofía que a inspira, pero sen responder ao que se lle pregunta. Así, fronte a preguntas tan precisas como o custe ou o retorno económico previsto Turismo explica que "a historia de Galicia está ligada ao auga" e abonda sinalando que "a auga salgada do mar, a doce dos ríos e a mineromedicinal e termal que brota da nosa terra son elementos que conforman a identidade galega".

As deputadas preguntan polo custo da exposición e a Xunta diserta sobre as bondades da auga, da costa e dos ríos galegos

A continuación, a axencia pública detalla que "Galicia conta cunha marabillosa costa con máis de 800 praias", 127 con bandeira azul, "que converten o noso magnífico litoral nun recurso variado que amalgama os acantilados máis altos da Península Ibérica coas augas máis tranquilas do vello continente, navegables os 365 días do ano". Adán e Paz coñecen tamén grazas a esta resposta que "a auga tamén está no interior", con ríos que "transcorren por agrestes paisaxes entre bosques de diferentes tipoloxías ou abruptas montañas".

"Pero se existe unha auga que caracteriza a Galicia esta é a auga mineromedicinal e termal", profunda a Xunta, que lles explica ás parlamentarias que "no noso solo están catalogadas máis de 300 captacións", "unha por cada 10.000 habitantes". Con todo isto Turismo queríalles facer ver que "a auga é un recurso diferenciador que vén desenvolvendo un importante labor tanto socioeconómico como dinamizador da nosa economía", de aí que a Xunta traballe na exposición Auga Doce.

Ligada a san Francisco de Asís

Tras as referencias ás bondades da auga o Goberno pasa a detallar que a exposición en cuestión se enmarca nos "actos conmemorativos do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela", argumento ofrecido pola Xunta para financiar este evento a través de Turismo e non coa Fundación Cidade da Cultura ou da opaca Fundación Gaiás. Segundo esta axencia, "poñer en valor os recursos hídricos da nosa comunidade" e "reflexionar sobre a auga de modo transversal" está intimamente ligado ao evento franciscano.

A Xunta non detalla, por exemplo, se os patrocinios permitirán recuperar todo ou parte dos 660.000 euros públicos achegados

É neste punto, xa contra o final do documento, onde Turismo se achega levemente ao obxecto da pregunta parlamentaria. Así, explica que a exposición se desenvolverá no Gaiás e "estará aberta ao público dende marzo ata setembro deste ano", cunha "programación didáctica e difusión complementaria" que inclúe "diferentes expresións artísticas". Nin unha soa cifra nin tampouco nin unha soa explicación sobre as condicións dos patrocinios da exposición, caso por exemplo do de Gas Natural, e se estes permitirán recuperar todo -como asegurou a Xunta a través de notas de prensa- ou parte dos 660.000 euros públicos que xa foron comprometidos. 

Jesús Vázquez, na sinatura dunha cesión de materiais para a exposición © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.