Canto nos custa o Parlamento?

Vista do hemiciclo, na apertura da IX Lexislatura © Parlamento de Galicia

"Gastar menos en políticos". Dende o inicio da crise económica e, sobre todo, da vaga de recortes sociais, non son poucos os discursos que, dende latitudes ideolóxicas ben diferentes, apelan xenericamente a rebaixar o gasto nos salarios "dos políticos", metendo no mesmo paquete a, por exemplo, gobernantes e membros das Cámaras lexislativas. Mesmo nalgunhas autonomías, como Castilla-La Mancha, veñen de tomarse decisións polémicas como a retirada dos salarios ás persoas que integran o seu lexislativo. Nesta barafunda de apelacións ao recorte en poucas ocasións se poñen sobre a mesa as magnitudes reais, isto é, o volume de gasto que se destina ao goberno das institucións. No caso galego, a lexislatura que vén de comezar semella que será -se o PP cumpre o seu programa electoral- a da redución do Parlamento en aras da austeridade. Pero, canto nos custa o Parlamento?

En torno á metade do salario dun parlamentario raso está libre de impostos

A Cámara galega finánciase a través dos Orzamentos Xerais da Xunta, cunha partida que en 2012 foi de 19,4 millóns de euros. Estes cartos van parar maioritariamente á propia Cámara, agás 2,02 millóns, que foron destinados a soster o Valedor do Pobo, por ser un alto comisionado da institución Parlamentaria. O resto, 17,4 millóns de euros, son propiamente o orzamento parlamentario e deles uns 5 millóns de euros serven para pagar as asignacións económicas dos deputados e deputadas, compostos tanto por salarios como por diversas achegas adicionais.

O soldo dun deputado ten dous grandes compoñentes: a "asignación fixa" e as "axudas de custo". A primeira é algo semellante ao salario base e sitúase nos 1.942,95 euros ao mes. A esta cantidade engádense as devanditas "axudas", teoricamente destinadas a sufragar os gastos de aloxamento e manutención do parlamentario -a maioría non residen en Santiago-, que ascenden a 2.587,39 euros se o deputado ou deputada ten dedicación exclusiva -a maioría dos casos- ou 2.349,31 se a dedicación e parcial. A principal particularidade desta segunda partida, establecida na etapa na que a socialista Dolores Villarino presidía a institución, reside en que, ao ser unha caste de dieta, non tributa o IRPF. Así, é posible afirmar que en torno á metade do salario dun parlamentario raso está libre de impostos.

Os soldos dos deputados e deputadas son só unha cuarta parte dos case 20 millóns de orzamento da Cámara

A estes dous grandes compoñentes engádense os complementos, que varían en función do labor de cada membro do Parlamento. Os de maior contía son os dos e das cinco integrantes da Mesa, a saber: 1.831 euros ao mes como complemento de "membro da mesa", 1.095 euros de "gastos de representación" -1.765, no caso da presidenta-, e 480,66 euros de "gastos de libre disposición" -906,45 para a presidenta-. Isto provoca que os complementos da Mesa sumen 18.129 euros ao mes. Outros dos complementos máis destacados son os que reciben os voceiros de cada grupo, 911,96 euros ao mes que suporán nesta lexislatura un gasto de 3.647 euros mensuais. Pola súa banda, cada vicevoceiro recibe 466,34 euros adicionais e os vinte e catro membros das mesas das oito comisións -tres en cada unha- teñen unha achega de 280,91 euros, cun total de 6.741 euros ao mes. Os complementos complétanse cuns 9.831 euros ao mes, resultantes dos gastos de representación do "resto de deputados", de 280,91 euros ao mes.

Así as cousas, o Parlamento gasta uns 340.000 euros ao mes en salarios que, unha vez engadidos os complementos, se converten en 379.987 euros ou, o que é o mesmo, 4,5 millóns de euros ao ano. Dado que os orzamentos reflicten unha partida de 580.000 euros para "gastos de locomoción" -cada deputado debe xustificar os seus-, a conta redonda sería duns 5 millóns de euros anuais, é dicir, a cuarta parte dos cartos que manexa o Parlamento nun exercicio económico.

 

Vista do hemiciclo, na apertura da IX Lexislatura © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.