Canto nos custou que Feijóo fose a Cuba?

Feijóo, con Raúl Castro © Xunta

Na ponte festiva do pasado mes de decembro o presidente da Xunta viaxou a Cuba. Alí reuniuse coa colectividade galega, mantivo encontros en clave económica e tamén intercambiou impresións con múltiples cargos do Goberno da Illa, tamén co seu presidente, Raúl Castro. Con esta viaxe Feijóo seguía a liña dos seus predecesores e afastábase da súa propia, a que en 2007 o levara a pedirlle explicacións a Emilio Pérez Touriño e reprocharlle que estivese en terras cubanas sen apelar ás "ansias de liberdade" por, ao seu xuízo, "falta de determinación". O xefe do Executivo imitou o seu predecesor no que atinxe a visitar Cuba, pero non no costume de, á volta, comparecer no Parlamento para explicar o que alí fixo e responder, por exemplo, sobre o impacto que o periplo tivo nas arcas públicas.

Esta pregunta, precisamente, foi a que formulou AGE. A través do seu deputado Juan Fajardo a coalición reclamou unha copia do programa da viaxe, unha lista de persoas que compuxeron a comitiva, un orzamento de gastos coa súa correspondente xustificación "a posteriori" e un informe "sobre o balance" da visita e os seus resultados, entre outra información. A fin do pasado período de sesións provocou que a Xunta contestase estas preguntas por escrito, nunha reposta que para Fajardo "non é máis ca unha restra de ambigüidades e silencios, unha enumeración de xuntanzas nas que non se explicita nin o contido" e que non permite coñecer, entre outros aspectos, os gastos da vixe.

Na śua resposta, o Goberno galego non ofrece unha soa cifra e limítase a dicir que o gasto foi "proporcionado"

Nese documento a Xunta comeza por exemplicar que a viaxe cumpriu o "código ético" elaborado polo Goberno galego para as viaxes oficiais, elaborado en 2011 durante unha controvertida viaxe privada de Feijóo ao Brasil. A partir de aí, a Xunta sinala que o presidente procurou obxectivos como "reforzar o poio e atención ás máis de 38.500 persoas" que compoñen a comunidade galega en Cuba e "afondar nos lazos históricos e culturais" co país caribeño, ademais de procurar oportunidades económicas. Nesta liña, o Goberno ofrece unha relación das xuntanzas que mantivo Feijóo, xa difundidas na súa práctica totalidade durante a propia viaxe.

"É unha burla, non teñen vergoña", critica AGE

Á hora de falar de cartos o gabinete popular é menos exhaustivo e limítase a explicar que "para a organización da referida viaxe oficial" foron aplicados "os criterios de proporcionalidade e redución e gastos en materia de protocolo e composición de comitivas de acompañamento, en cumprimento das previsións a este respecto" que "marca o propio código ético". Ademais, abonda, a viaxe "enmárcase na estratexia de acción exterior que vén marcando a Xunta nas súas relacións con Cuba, nunha liña de continuidade que presidira tanto os mandatos do señor Fraga como do señor Touriño, que tameń realizar unha viaxe institucional á illa en decembro de 2007", lembran, en referencia á viaxe que suscitou as críticas do propio Feijóo. Nin unha soa cifra.

Ante estas respostas Fajardo conclúe que "non se xustifica ningún gasto nin se dá conta dos acordos concretos porque seguramente non os houbo e, en troques, mesmo se lembran non sei que viaxes de Fraga e Touriño". "É unha burla, non teñen vergoña", critica o parlamentario, para quen a visita foi máis ben unha "viaxe turística" que lle serviu ao presidente para "escapar de Galicia xusto cando unha enorme folga de traballadoras e traballadores do naval de Ferrolterra lle pedía contas".

Juan Fajardo, deputado de AGE © AGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.