Cargos do PSdeG manifestan apoio a Besteiro, que "anteporá os intereses do partido aos seus"

José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

O PSdeG segue procurando abordar a complexísima situación aberta polo auto co que a xuíza Pilar de Lara citou o seu secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, a declarar en calidade de imputado polas obras do Garañón, autorizadas polo Concello de Lugo en 2005, cando o líder socialista exercía como concelleiro de Urbanismo. Estes mércores diversos cargos dos socialistas galegos explicitaron o seu "apoio" a Besteiro e, ao tempo, dende a dirección do partido admitiuse que o seu xefe de filas non pecha a porta a ningún escenario partindo da base de que vai "antepoñer os intereses do partido aos seus".

Menos dunha semana despois de que transcendese a imputación, acordada a raíz da reclamación dunha empresa construtora un día despois de que Besteiro deixase de ser presidente da Deputación de Lugo, dende a dirección socialista non se oculta a dificultade do panorama. "Evidentemente, como os tempos da xustiza parece que van ben acompasados cos da política e condicionan a política, isto tamén ten que ter consecuencias e decisións", sinalou este martes a secretaria de organización do partido, Pilar Cancela.

Nese marco de eventuais tomas de decisións hai, cando menos, dúas datas clave. A primeira é a do 18 de xullo, na que se reunirá o Comité Nacional do partido -máximo órgano do PSdeG entre congresos-, que fora convocado previamente para trazar a estratexia política cara aos vindeiros meses. A segunda é a do 31 deste mesmo mes, día no que Besteiro está citado a declarar nos xulgados lucenses. "De aquí" a finais de mes "poden pasar cousas", admite Cancela, a cuxo xuízo Besteiro "era e é o mellor candidato para presidir a Xunta" e por iso el mesmo manifestara a súa opción de optar ao cartel electoral. No entanto, lamenta, "neste momento hai unha situación que cambia o escenario político".

A dirección dos socialistas admite que a imputación "cambia o escenario político" e esixe "celeridade" á xuíza

Neste contexto, ao longo da xornada varios cargos do partido explicitaron o seu "apoio" a Besteiro, nomeadamente dende a provincia de Lugo. É o caso da deputada Concepción Burgo, quen asemade "de forma persoal" manifesta a súa "extrañeza" polos "tempos que se están a manexar". "Sabemos que todo isto vai quedar en nada", afirma, mentres reclama que "se tomen xa decisións rápidas", xa que se a xustiza "non é rápida, non é xusta". Nun sentido semellante a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, recalma "celeridade" por ser "tremendamente inxusto que unha persoa teña que enterarse da imputación polos medios", máis aínda cando o propio Besteiro xa achegara ao xulgado documentación ao respecto. Ela mesma, lembra, tivo que "pasar por unha imputación" que se prolongou cinco anos e que finalmente foi arquivada.

Susana Díaz reclama que se aplique sobre Besteiro a "vara de medir" aplicada a Chaves e Griñán

Mentres dende o seo do PSdeG se asume a complexidade do escenario, mesmo contemplando a posibilidade de que o propio Besteiro opte por retirarse da secretaría xeral -a pasada semana recibiu apoio da dirección federal do PSOE-, a principal nota discordante da xornada chegou dende a líder do PSOE andaluz e presidenta da Junta, Susana Díaz. Despois de que os pactos con Ciudadanos nesa comunidade levasen o partido a forzar a saída de Manuel Chaves e José Antonio Griñán de cadanseus escanos no Congreso e no Senado pola súa presunta implicación no caso dos ERE Díaz admite non coñecer os "pormenores" do caso que atinxe a Besteiro pero, no entanto, apela a que se aplique a "mesma vara de medir" porque, afirma, "é o que agarda a xente de nós".

José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.