Non lle desagrada que cualifiquen a súa candidatura como "a terceira vía". A que se situou entre o antigo secretario xeral, Breogán Riobóo, e a deputada de En Marea, Ángela Rodríguez. Malia a menor visibilidade mediática, a fortaleza entre as bases deulle a Carmen Santos a vitoria as primarias de Podemos-Galicia e converteuse na nova líder da formación. Politóloga e funcionaria do Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC, esta natural de Porto do Son residente en Vigo aposta por "reconstruír" a organización e "non crear bloques". Respecto da confluencia, valora o proceso e a metodoloxía das Mareas en Común pero aposta por "democratizar En Marea" e integralas antes que por "reiniciar todo desde cero".
Agardaba ser elixida nova secretaria xeral?
Tiñamos un presentimento moi positivo logo da rolda que tivemos cos círculos e cos nosos simpatizantes. Tiñamos o escenario bastante claro: que era moi posible que eu fose elixida secretaria xeral e tamén que se formaría un Consello Cidadán Autonómico mestizo porque hai compañeiros da outra candidatura que levan feito un traballo moi bo na organización e sabiamos queu moita xente ía apostar por eles.
"O proceso de primarias era para reconstruír e non para crear bloques; esta dirección mestiza é algo positivo"
Considera positiva esa mestizaxe na dirección?
É algo positivo porque imos seguir traballando todos xuntos. Sempre dixemos que este proceso de primarias era para reconstruír e non para crear bloques. Agora o que toca é sentar a traballar con responsabilidade, aceptar a decisión democrática clarísima e seguir tirando cara adiante.
Nin Breogán Riobóo nin ningún membro da súa candidatura foi elixido para a dirección, cre que foi unha emenda ás súas duras críticas?
Creo que se fracturou o voto porque había xente moi descontenta coa candidatura de Ángela Rodríguez e unha parte máis crítica que estaba con Breogán pero que non era a corrente maioritaria no partido. Quedaron fóra pero iso non significa que non vaian poder traballar con nós como calquera outro. Son compañeiros moi valiosos e moitas das súas críticas eran fundamentadas. Hai que saber integrar todo ese capital e tomar nota das cousas que nos digan para mellorar a nosa organización escoitando a voz de todos.
"Houbo quen se saltou o acordo de neutralidade e apoiou a Ángela Rodríguez, que xa tiña máis visibilidade por ser deputada; partindo desa situación, a vitoria foi esmagadora"
A candidatura de Ángela Rodríguez cualificouse de "oficialista", a de Riobóo, "rebelde"... Como cualificaría a súa?
Hai quen a chamou a terceira vía porque eu xa tiña un traballo feito en programa e outas moitas cuestións no partido. Sempre tiven sintonía coa dirección e nunca me amosei disconforme realmente con ela, máis aló de cuestións concretas que eu tería feito doutra maneira. Eu dimitín por desencontros coa executiva galega non por diferenzas coa estatal. Nas primarias houbo persoas que, saltándose o acordo de neutralidade que había na dirección estatal, viñeron apoiar a Ángela Rodríguez. Nese sentido, podía darse a imaxe de que ela estaba máis apoiada pero foi unha falta de responsabilidade de cargos que racharon ese acordo. No único que me puido afectar é que os novos inscritos que teñen acceso ás redes sociais a min nin me coñecían mentres ela tiña moita maior visibilidade por ser deputada, pero os que estaban anteriormente apostaron por min claramente e o resultado, partindo desta situación, é esmagador.
Falou xa con algún membro da dirección estatal?
Chamáronme Echenique, Pablo Iglesias e falei con Carolina Bescansa... Moi contentos, a verdade.
Tócalle agora arranxar as fendas abertas que aínda queden en Podemos-Galicia?
Xa se fixo un traballo moi bo con todo este mes de campaña intenso. Para arranxar as cousas hai que facer xestos xa antes das votacións e non agardar a despois. En todos estes encontros que tiven polo territorio, e que vou continuar agora, xa se tenderon moitas pontes. Mesmo sectores máis críticos teñen unha boa interlocución comigo e hai un respecto mutuo. Aqueles que non gañaron as primarias e poidan estar agora máis tristes por non ter representación no Consello Cidadán Galego espero que se animen a traballar e colaborar; nós queremos que teñan tamén unha tarefa por desenvolver na organización. Espero que acepten o mandato democrático e se poñan a construír con nós.
"En Marea é un bo proxecto, unha boa idea, o que se botou en falta foi unha participación activa e un proceso realmente democrático"
Amosouse partidaria da confluencia. Cre que é o proceso de Mareas en Común o máis axeitado para artellala de cara ás autonómicas?
O que cremos é que Podemos deu perfectamente co método participativo para facer unha nova política integrando a xente. O que ten que haber é vontade para que iso se faga real. Unha das queixas que a militancia de Podemos tiña foi que non se fixo así en En Marea, que consideramos un bo proxecto, unha idea coa que a xente non ten nada en contra. O que se botou en falta foi unha participación activa e un proceso democrático dentro dela.
"Estamos máis por democratizar En Marea que por reiniciar todo desde cero"
Pero coincide con outras voces de Podemos-Galicia que ven nas Mareas en Común a fórmula máis axeitada?
Hai un grupiño pequeno de Podemos que xa participa en Mareas en Común, un proxecto interesante e con moitas virtudes. Pero o que debemos facer é recuperar esa metodoloxía de participación de Podemos tamén para En Marea, que o fagamos todos xuntos e que se poida confluír nun proceso verdadeiramente democrático. Reiniciar desde cero todo non cremos que sexa o máis axeitado. O que palpamos en Podemos-Galicia é que a xente está máis pola democratización de En Marea que por reiniciar todo, pero por suposto que a vía de Mareas en Común debe confluír con nós, ir todos xuntos e que todo o capital humano e a metodoloxía que están desenvolvendo se aplique na parte central dese espazo de confluencia.. Nos nosos documentos apostamos claramente polo espazo En Marea. A consulta ás bases de Podemos vai estar entre o espazo de En Marea democratizado, integrando as mareas municipais, e Podemos.
"A consulta ás bases srá para elixir entre o espazo de En Marea democratizado, integrando as mareas municipais, ou Podemos"
Acaba de chegar á secretaría xeral de Podemos-Galicia e, dependendo de como vaian as cousas, pode atoparse con dous procesos electorais inmediatos...
Xa fixemos unha pequena precampaña agora e unha campaña cos nosos compañeiros de En Marea. Temos unha morea de posicionamentos políticos e medidas nos nosos documentos e moito traballo avanzado. O que temos é que profundar en todo iso. Iremos a por todas.
Nas primarias de Podemos houbo unha participación de menos do 16% do censo. Urxen medidas para reactivar a militancia?
Temos que facer un traballo para revitalizar a organización e reactivar esa xente que deixou un pouco de lado a militancia activa. Creo que logo destas votacións será máis fácil recuperar todos eses simpatizantes. De todos modos, non podemos aspirar a chegar ao 100% dese censo, que haberá que revisar porque hai persoas que realmente o único que queren é recibir os boletíns de Podemos ou estar informados das nosas novas. Moita xente non ten o tempo nin se sente coa capacidade de tomar unha decisión ao non estar tan metida no día a día nin coñecer detalles, Con todo, intentaremos mellorar as cifras e que o censo non sexa só de inscritos votantes senón tamén de militantes activos.