Carmen Santos pide elixir candidata á Xunta “canto antes” e en primarias

A secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, este domingo na Estrada Dominio Público Podemos

A secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, salientou este domingo que a súa formación defenderá elixir en primarias toda a lista da posible candidatura de confluencia na que participe o seu partido nas eleccións autonómicas do outono. Así o dixo na Estrada, onde a formación celebrou o seu Consello Autonómico e onde pediu que o proceso se concrete “canto antes”, amosando a súa preferencia por que a candidata á presidencia da Xunta sexa unha muller

A secretaria xeral de Podemos Galicia amosa a súa preferencia por que sexa unha muller e di que “ten que haber unha validación cidadá de calquera persoa que queira estar neste proceso” de confluencia

A Carmen Santos preguntóuselle polas distintas visións que hai no entorno de En Marea acerca do sistema de designación do candidato á presidencia do goberno galego, no que varias voces apostan por acadar un consenso das formacións que conflúan e non someter a elección do cabeza de lista ao resultado dunhas primarias. Santos dixo respectar esas posturas pero asegurou que Podemos Galicia ten a súa propia “folla de ruta”. “Nós apostamos por primarias, ten que haber sempre unha validación cidadá de calquera persoa que queira estar neste proceso”, defendeu.

“Imos intentar acelerar os tempos ao máximo sempre que estea dentro da sensatez”, dixo Santos, que apostou pola posibilidade de que a elixida sexa “unha candidata muller”. A Santos preguntóuselle entón pola posibilidade de que esa muller sexa ela mesma ou as deputadas de En Marea Alexandra Fernández, orixinaria de Anova, e Yolanda Díaz, de Esquerda Unida. Santos limitouse a responder que “ten que saír do proceso” e pediu “cambiar a forma de expresarnos” na que “sempre se fala en masculino e hai que empezar a pensar en feminino”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.