Case un 90% de homes para asesorar a conselleira de Sanidade

A conselleira de Sanidade, nun acto público recente © Conchi Paz

O Consello Asesor do Sistema Público de Saúde de Galicia é o "órgano superior de consulta e asesoramento da Consellería de Sanidade". Creado ao abeiro da Lei de Saúde do 2008, a súa composición correspóndelle á persoa titular da Consellería de Sanidade, neste caso Rocío Mosquera, que é quen lles encomenda as tarefas que correspondan a estes profesionais. Na propia lei, aprobada en tempos do bipartito, estipúlase que a Consellería debe "procurar unha composición paritaria de mulleres e homes" neste órgano, precepto que Mosquera vén de obviar abertamente.

Este xoves entra en vigor a nova composición deste órgano, definida por Mosquera mediante unha orde do pasado 11 de marzo. Nela inclúese unha nómina de 16 persoas na que só dúas son mulleres, unha enfermeira e unha asistente social. Isto quere dicir que practicamente o 90% dun consello que a lei fixa como paritario vai estar composto por homes, distorsionando así non só a composición da poboación en xeral, senón tamén das profesións sanitarias en concreto e, máis concretamente, do propio Servizo Galego de Saúde, onde se estima que arredor do 75% do cadro de persoal está composto por mulleres.

A lei establece que este consello ten que ser paritario

"Todos os homes da conselleira", ironiza a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP), ao analizar a composición deste Consello, no que o machismo non só é cuestión de cifras. Un dos designados para formar parte del é o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, médico en excedencia que nun recente pleno da Deputación de Pontevedra defendeu con vehemencia a contrarreforma da lei do aborto con argumentos como que "é certo que abortos houbo toda a vida, en Esparta eliminaban as persoas con certa discapacidade". O embarazo, agregou naquela sesión, "é un tema de matrimonio".

Sen contacto directo cos pacientes

Ademais do nesgo machista deste organismo, a AGDSP tamén se fixa no feito de que "ningún membro do consello asesor é profesional médico ou de enfermaría dedicado en exclusiva á asistencia aos pacientes do Sergas". Ou ben se trata de persoal xubilado, "ou só teñen actividade privada ou están dedicados a labores de docencia ou de investigación". "Os tres profesionais máis relacionados coa asistencia son xefes de servizos", lamentan, nun contexto no que "só cinco dos 16 membros son profesionais en activo do Sergas" e ningún deles é "médico ou enfermeira dun centro de saúde".

A AGDSP subliña que un dos membros do consello é membro da asociación que agrupa as multinacionais cárnicas dos EUA

A escaseza de vinculación co Sergas ten a súa contrapartida nunha abondosa "vinculación coa empresa privada" a cal, afirman, se dá en "10 dos 16 membros do consello". "Estas vinculacións son esencailmente coa sanidade privada, a industria sanitaria privada, os fondos de investimento e a industria alimentaria". Para a asociación resulta especialmente grave que "un dos asesores elixidos -Francisco Javier Carballo- sexa membro da American Meat Science Association, agrupación de multinacionais norteamericanas de gandeiros, procesadores de produtos cárnicos" como hamburguesas e carne enlatada e "das sementes transxénicas". Isto acontece, subliñan, mentres a Xunta di abordar a "alta taxa de obesidade dos nenos galegos".

"A elección do consello asesor, ademais dos tintes localistas xa evidenciados noutras decisións da conselleira -nove membros son da Coruña-", denota, para a AGDSP, "un forte rexeitamento á atención primaria da saúe e aos profesionais dedicados aos pacientes, ás mulleres traballadoras e aos profesionais sen connivencias coa industria". Así, conclúen, enmárcase na "política privatizadora e de costas aos profesionais" que, ao seu xuízo, caracteriza a xestión da actual Xunta.

A conselleira de Sanidade, nun acto público recente © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.