Catalunya: Dereito a decidir e dereito a saber

Mitin de peche de campaña de CiU © CiU

En Catalunya crúzanse estes días dous sentimentos moi poderosos. Os electores somos conscientes de que nos enfrontamos a unha decisión transcendente, histórica,  porque a composición do Parlament pode decidir o devir de xeracións. E, ao mesmo tempo, fáltannos informacións vitais para tomar esta decisión con plena responsabilidade. A calidade dunha democracia mídese pola capacidade de discernimento dos seus cidadáns. Non existe unha vontade libre e plenamente consciente sen saber antes cales serán as consecuencias dos nosos actos, neste caso, dos nosos votos.

Aabemos moi pouco de como será a terra prometida que propón CiU e, menos aínda, da travesía do deserto até chegar a ela

Cando falta información, quédanos a angustia de enfrontarnos ao descoñecido ou pechar os ollos e facer un acto de fe. Ante este dilema, a política non pode ofrecer a mesma resposta que a relixión. O cartel de Artur Mas cos brazos abertos ante un fondo de bandeiras é a metáfora que resume estes sentimentos atopados en Catalunya. Un líder encarna "a vontade dun pobo" e está disposto a levalo á terra prometida que o salvará de todos os males do presente. Pero sabemos moi pouco de como será a terra prometida que propón CiU e, menos aínda, da travesía do deserto até chegar a ela. Non importa, é un acto de fe.

Nin a Unión Europea foi capaz de responder de forma clara á que é, posiblemente, a cuestión máis decisiva de todas: Quedará Catalunya fóra de Europa se proclama a independencia? A sociedade catalá que sempre tivo o seu soño de liberdade e progreso en Europa, agora acudirá a votar sen saber cal sería o seu futuro na Unión se decide tomar un camiño ou outro.

O PSC propón o federalismo pero non di en que consiste; o PP fala da revisión dun financiamento que nunca apoiou; ICV non desvela o seu voto nun referendo; e ERC espera dúbidas sobre se será muleta de Mas ou non

E máis incertezas. O PSC propón unha terceira vía ante a confrontación entre a independencia e o inmobilismo do PP: a opción federal. Pero tamén é un acto de fe porque ninguén sabe en que consiste, nin se o PSOE ten vontade e forzas para defender o federalismo en España. O PP fala agora de revisar o financiamento de Catalunya, cando desde hai anos combateu todas as propostas que chegaban desde aquí. E mesmo ICV, defensor do dereito a decidir, non desvela cal sería o seu voto nun referendo de independencia. ERC, posiblemente o partido cunha posición máis diáfana e avalada pola súa traxectoria, esperta dúbidas sobre se será unha simple muleta de Artur Mas ou manterá a personalidade que resumen as súas siglas. Se levará até a últimas consecuencia a certeza de que non existe unha nación se esta non é capaz de ser xusta e solidaria con todos os seus cidadáns.

Entre todas as néboas, unha especialmente espesa, a da corrupción. Os cataláns acudiremos ás urnas baixo o impacto das gravísimas acusacións recollidas nun borrador policial difundido polo diario El Mundo en plena campaña. O responsable da unidade policial á que se atribúe o borrador desautorizouno ante o xuíz do caso Palau. O fiscal xefe de Catalunya cualifícao de "calumnia" e, se fose así, estariamos ante un libelo, ante un golpe á democracia e á dignidade dos afectados. Un golpe presuntamente cometido por escuros aparellos do Estado e lanzado polo mesmo periódico que durante anos alimentou a delirante implicación de ETA nos atentados do 11-M. E o Goberno, a poucas horas das eleccións, practica o temerario xogo de alimentar a confusión, dando credibilidade ao borrador, pero sen achegar probas.

O borrador é froito da mala fe, o que dá azos aos que atribúen os males de Catalunya a España; se é verdade, a corrupción sería insoportable

O escándalo do borrador policial é froito da incompetencia ou da mala fe, ou de ambas as dúas cousas á vez. Sexa como sexa, dá novos argumentos a quen atribúen os males de Catalunya a un Estado español que actúa de forma desleal. E se as acusacións do borrador son veraces, como deu a entender a vicepresidenta do Goberno, entón o vínculo entre o espolio do Palau da Música e as finanzas de CDC escalaría até unhas cotas insoportables para a estabilidade institucional en Catalunya.

A falta dunha información fiable, outra vez enfrontámonos a unha cuestión de fe. E é razoable pensar que a fe pode entrar en crise se temos en conta que CDC, segundo o proceso xudicial en marcha,  podería utilizar un dos grandes templos da cultura catalá como un mero instrumento para financiarse de forma ilegal. Se isto fose certo, representaría unha degradación política e moral a ter en conta á hora de acudir ás urnas. E a pesar diso, iremos votar de novo envoltos nestas vellas sombras.

A democracia baséase na decisión responsable dunha cidadanía ben informada, unha cidadanía que antes de exercer o dereito a decidir ten o dereito a saber para que votar non sexa só un acto de fe

O 25-N chega no medio dun profundo paradoxo. Unha sociedade madura como a catalá, coa capacidade de liderar iniciativas tan transcendentes como, por exemplo, as consultas populares pola independencia ou a loita contra os desafiuzamentos, irá votar sen ter toda a información necesaria. Porque a ambigüidade converteuse nunha categoría política e porque o ruído e a propaganda invadiron territorios que eran propios do xornalismo. A democracia baséase na decisión responsable dunha cidadanía ben informada. Unha cidadanía que antes de exercer o dereito a decidir ten o dereito a saber para que votar non sexa só un acto de fe.

Artur Mas, no mitin final da campaña © CiU

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.