Catalunya vive hoxe unha manifestación histórica pola súa independencia

Portada de El Periódico, este martes © Praza Pública

Chegou o día. A Assemblea Nacional Catalana leva meses traballando na organización dunha marcha que xuntase a todos os sectores que con maior ou menor énfase reclaman a independencia de Catalunya ou cando menos esixen outro tipo de relación con España. A manifestación tamén coincide coa petición de rescate económico realizada pola Generalitat e a negociación dun novo pacto fiscal. De feito, dende CiU quixo poñer o foco da Diada nas últimas semanas nesta cuestión.

Porén, a Assemblea Nacional Catalana lembrou o carácter netamente independentista da marcha cun único lema: Catalunya, novo Estado de Europa. A manifestación comezará ás seis da tarde e dáse por seguro que a asistencia será masiva e se contará por centos de milleiros. A Assemblea Nacional Catalana encheu un milleiro de autobuses procedentes dende toda Catalunya.

As sondaxes levan anos indicando un ascenso moi importante das posicións soberanistas, por suposto entre os votantes de ERC, SI ou CUP, nos que o sentimento é unánime, pero que tamén son maioría en CiU e ICV e que contan con porcentaxes moi elevadas no PSC (máis do 30%). Este martes El Periódico de Catalunya (afín historicamente ao PSC) publica unha sondaxe que amosa unha maioría de cataláns que apostan pola independencia (49,5%) que os que nun referendo votarían en contra (48%). En intención directa de voto a diferenza é moito máis ampla (46-22), pero os responsables da enquisa explican que os indecisos están neste momento máis próximos ao non. A portada está composta pola estelada (a bandeira independentista) e o titular "Escolta Espanya" (Escoita España). Na manifestación estarán presentes os líderes de ERC e ICV, e varios conselleiros do Goberno catalán, e tamén destacados representantes do PSC, coma o alcalde de Lleida ou o ex conseller Ernest Maragall.

As iniciativas destinadas a facer visible e a organizar a reivindicación soberanista non deixaron de crecer nos últimos anos. Por exemplo, a Associació de Municipis per la Independència (AMI) agrupa xa 528 concellos, o 56% do total. Este luns, ademais, o eurodeputado de ICV Raül Romeva falou no Parlamento Europeo sobre a manifestación e demandoulle a Europa que estea "preparada" para que Catalunya se converta nun novo estado da UE.

Artur Mas considera que pode obter un rédito político da manifestación, mesmo sen estar presente

Artur Mas considera que pode obter un rédito político da manifestación, mesmo sen estar presente. Nas últimas semanas amagou o seu apoio expreso e mesmo a súa asistencia, que finalmente descartou polas críticas que recibiu, sobre todo dende o PP e o PSC, que denunciaban que pola súa posición institucional non podía participar neste tipo de marcha. Pero tamén polo seu intento de nadar e gardar a roupa, de apoiar a manifestación pero sen facelo expresamente para non asustar os seus votantes contrarios á independencia. Este luns, na súa mensaxe institucional transmitida por TV3, Mas afirmou que "Catalunya nunca estivera tan cerca na súa aspiración de plenitude nacional" e declaraba que "aínda que sexa en silencio, sabede que os voso clamor é o meu" e volveu poñer riba da mesa a súa reivindicación dun novo pacto fiscal, que cualificou de primeiro obxectivo da "transición nacional". 

Nun editorial publicado o pasado domingo The New York Times analizaba conxuntamente as reivindicacións independentistas de Catalunya, Quebec e Escocia e afirmaba que o nacionalismo nestes tres paises tiñan un plan b: "xogar a carta do separatismo para acadar o máximo poder e cartos ao goberno central". En canto á resposta do Goberno español, na entrevista que este luns emitiu TVE, Rajoy despachou o tema cun simplista "neste momento o que non toca é o lío".

Portada de El Periódico, este martes © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.