Catro veciños estrean este luns a intervención cidadá nos plenos da Coruña

Pleno no Concello da Coruña © Concello da Coruña

Era unha das promesas da Marea Atlántica e un dos compromisos inmediatos asumidos á súa chegada ao goberno municipal da Coruña. "A praza entra no pazo", adoita advertir a plataforma para resumir unha nova forma de facer política. O executivo local apostou por abrir unha quenda de rogos e preguntas da cidadanía nos plenos da corporación e fomentar a "participación directa no órgano que expresa a vontade popular". Será o vindeiro luns 7 cando catro veciños estreen esta posibilidade xa recollida na lexislación actual pero non empregada antes.

Catro veciños estrean este luns a intervención cidadá nos plenos da Coruña

Abrir o pleno á participación cidadá é unha opción recollida na normativa vixente de réxime local, así como no propio regulamento de participación cidadá do Concello da Coruña. Pero será este luns 7 ás cinco da tarde cando se inaugure un mecanismo que estaba aberto a un máximo de dez veciños en cada sesión, aínda que só a metade o solicitaron e finalmente serán catro os que intervirán no pleno. Unha das peticións foi descartada ao non especificar no formulario o tema do que se quería preguntar.

Desde o Concello están seguros de que nas próximas convocatorias de pleno "haberá máis participación cidadá" e argumentan nas vacacións e no feito de que o prazo para as solicitudes se iniciase en agosto como as causas que explican que non houbese máis solicitudes. Son dúas mulleres e dous homes as que participarán e preguntarán sobre diferentes temas: as accións de apoio ás asociacións do pequeno comercio e do comercio de barrio, as bonificacións no IBI ás familias numerosas e as rebaixas nas taxas da auga que ten previstas o executivo local, así como a situación da vivenda social na cidade. 

Malia que poden intervir un máximo de dez cidadáns, tan só cinco o reclamaron e serán catro os que intervirán

Outra dos temas tratados será o dos campamentos municipais e a necesidade de non discriminación. E a pregunta será realizada por Sonia Hermida, nai dunha nena con diversidade funcional á que o anterior goberno do Concello da Coruña lle negara unha praza nun campamento por falta de monitores especializados. A súa intervención está cargada de simbolismo, xa que a veciña solicitara unha autorización para intervir no pleno que lle foi denegada polo executivo de Negreira. Un ano despois, poderá intervir logo de que mesmo o Valedor do Pobo recriminase ao goberno local do PP a ausencia de explicacións e do informe que lle fora requirido para aclarar a discriminación. 

A familia da pequena intentara arranxar o problema, pero a daquela concelleira de Cultura, Ana Fernández, recomendoulle buscar un convenio con algunha institución para que a cativa fose atendida de forma axeitada ou que chegase a un acordo cun monitor de Servizos Sociais para que fixese ese traballo. Pero non houbo amaño e a rapaza non puido participar naquela actividade.

Unha das veciñas que participará será Sonia Hermida, nai dunha nena con diversidade funcional á que o anterior goberno lle negara unha praza nun campamento

"Non é desquite, senón actuar con coherencia. No seu día reclamei poder exercer o dereito a intervir no pleno e non se me permitiu, así que o coherente era volver reclamalo e exercer o que xa podía ter feito pero que non se me permitiu", explica agora Sonia Hermida, que aclara que, "aínda que aquilo non sexa responsabilidade do goberno actual", agora tócalle "responder á demanda que xa existe por parte do Valedor". A denuncia presentada ante a Fiscalía aínda está pendente de resposta. "Queda moito por facer e hai que garantir unha inclusión real dos rapaces; no que a este executivo lle atinxe, que faga o posible", insiste.

O anterior executivo local negara a Sonia Hermida a intervención no pleno hai un ano

Para Sonia Hermida, máis aló do resultado efectivo das reclamacións que se fagan nos plenos, a iniciativa é moi positiva, "tamén porque axuda a visibilizar caso coma o meu ou os de moita outras persoas". "É importante ter esta vía de participación aberta porque haberá cuestións pequenas e particulares e outras máis importantes, pero o importante é facer ver que os cidadáns temos moitas cousas que dicir, que temos dereito a exercer a nosa voz e intervir no pleno municipal", insiste quen cre que esta posibilidade será moi eficaz "para tratar temas que tratan a un colectivo ou a un barrio determinado". 

Respecto ás escasas peticións para intervir no pleno do vindeiro luns, Hermida cre que "hai moita xente que non ten aínda práctica non exercicio da cultura democrática". "Non estamos afeitos a que se nos dea a palabra desta forma", di esta veciña coruñesa, que aclara que, aínda que finalmente só houbo cinco solicitudes, si puido comprobar como moita xente se achegaba ás oficinas municipais a interesarse polo mecanismo a seguir. "Espero que no futuro haxa moita máis demanda de intervencións e que todos fagamos un bo uso deste tipo de instrumentos que se nos ofrecen", finaliza esta coruñesa que foi a primeira en reclamar un dereito que exercerá a próxima semana. 

Cada un dos veciños que participará poderá falar durante un máximo de tres minutos -aínda que o Concello será flexible co tempo- sobre o tema escolllido e desde un escano habilitado para a súa intervención. A resposta chegará do alcalde Xulio Ferreiro ou dalgún concelleiro do goberno da Marea Atlántica. 

Pleno no Concello da Coruña © Concello da Coruña
Xulio Ferreiro 'cede' o bastón de mando á cidadanía na Coruña © Andy Pérez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.