Causa Galiza chama a defender a "soberanía" no 1 de maio

Voceiros de Causa Galiza, en rolda de prensa CC-BY-SA Causa Galiza

Soberanía "para defender a maioría social". É a aposta que Causa Galiza lanza neste 1 de maio, unha conmemoración que neste 2012 a plataforma independentista enmarca "nun contexto de agresividade salvaxe dos poderes financeiros contra a clase traballadora galega", uns recortes que, afirman, cómpre rexeitar pola vía das "resistencias que superen os simulacros contestatarios de CCOO e UGT" e apoien "unha ferramenta como o sindicalismo nacionalista, que xa foi quen de convocar dúas folgas xerais en 2012.

En opinión de Causa Galiza estas reivindicacións cobran desta volta máis sentido porque "o desemprego permanente e prolongado, as xornadas interminábeis a cambio de salarios de miseria e, incluso, a fame fisica, convertéronse xa en paisaxe cotiá". "Os amos da situación non teñen límites nin moralidade alén do beneficio privado" e, por iso, din, só as "resistencias colectivas, firmes e contundentes" poden evitar un "regtorno ás condicións de vida e de traballo do século XIX". "É a única linguaxe que entenden", afirman.

"Entrégasenos atados de pés e mans ás decisións dos poderes económicos de Madrid e Bruxelas"

"Estas reivindicacións imediatas, de defensa dos servizos públicos, os sistemas de protección social e de condicións dignas de traballo, deben complementarse por parte da clase traballadora galega con reivindicacións de tipo político", sinala a plataforma. Nesta liña, o colectivo coida que o marco constitucional "imposto aos galegos e galegas na Transición" imposibilita que "como país teñamos capacidade de decisión" sobre políticas no ámbito laboral, económico e financeiro "entrégasenos atados de pés e mans ás decisións dos poderes económicos de Madrid e Bruxelas", censuran,

Por este motivo, Causa Galiza subliña que "a clase traballadora galega debe comprender que a permanencia do noso país en España é parte importante do problema". "Encanto os galegos e as galegas non dispoñamos de poder de decisión -explican- a oligarquia española será quen decida e aplique sobre nós os programas de axuste". Nesta liña, "fronte á centralización da negociación colectiva" ou o "baleiramento competencial e financeiro do cativo marco autonómico", reivindican un "marco galego de relacións laborais" e un "marco de soberanía política e económica para Galiza" que "supere a condición de comunidade autónoma española".

Voceiros de Causa Galiza, en rolda de prensa CC-BY-SA Causa Galiza

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.