Cayo Lara, reelixido, presenta a IU como alternativa de poder: "Non somos iguais"

Vista do plenario da asemblea © Izquierda Unida

Remataron as chanzas con que todos collen nun taxi, falar de "izquierda hundida" ou reducir os seus militantes a portadores de pancartas. Cayo Lara pechou a X Asemblea Federal de IU co compromiso de levar á coalición máis preto do poder, pero deixando moi claras as súas diferenzas con PP e PSOE. No seu discurso, debullou as propostas políticas acordadas intercalando un machacón "non somos iguais". Demostralo e converterse nunha alternativa real de goberno para a "maioría social" é o seu obxectivo para os próximos anos.

Un Lara pouco dado á emotividade, dixo estar "como un flan" a pesar de saber que  a candidatura sería aprobada polo 85% dos votos. Até se lle crebou a voz un par de veces no capítulo dos agradecementos. Di ser moi consciente de que o novo Consello Político Federal resultante desta asemblea nace "cargado dunha responsabilidade moi grande no momento máis difícil da democracia". A proba de lume de IU é crecer como até agora e darlle solidez e concreción ao proxecto. Lara admitiu tamén que EU "necesita organización como auga de maio".

O poder dos movementos sociais

Seguir próximos aos movementos sociais pero facelo como estrutura política e non só pola implicación que teñen moitos dos seus militantes a título persoal é a principal estratexia. A proposta de Alberto Garzón de adaptar a estrutura da federación a base de "áreas de traballo" sobre a loita dos colectivos sociais estivo moi presente na reunión. Como detalle, aprobouse propor á Plataforma de Afectados pola Hipoteca para o premio da Concordia.

A asemblea tamén concitou moitas mostras de apoio á liberación de Alfonso Fernández, detido na pasada folga xeral en Madrid. A súa nai, Elena, denunciou que Alfon segue en prisión preventiva e baixo réxime FIES co argumento da  "alarma social" do caso e que hai dous días cortáronlle as conversacións telefónicas.

Consello a Díaz-Ferrán

EU celebrará unha conferencia política para "poñerlle apelidos ao Estado federal"

No seu discurso, Lara mostrouse en contra da "violación da Constitución", clamou contra os delincuentes "de pescozo branco" e deu a volta ao consello de Díaz Ferrán para recomendarlle "roubar menos e traballar máis". Tamén lembrou que IU está en contra dos recentes indultos a policías e reivindicou o dereito dos cidadáns a participar en manifestacións, folgas ou concentracións pacíficas.

Como parte da concreción política que busca IU, no próximos seis meses organizarán dúas conferencias políticas. Unha debaterá sobre o modelo da Unión Europea e o euro. Outra dedicarase ao modelo territorial e xirará en torno ao federalismo. Lara chamouno "pór apelidos ao Estado federal".

Cayo Lara, nunha das súas intervencións © Izquierda Unida
Yolanda Díaz, nunha asemblea de IU © Izquierda Unida

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.