Logo de estar "catro horas privado de libertad en plena campaña electoral", como el mesmo explica, César Montaña -César Strawberry- emitiu un comunicado tras ser detido o pasado martes dentro da terceira fase da operación Araña da Garda Civil contra o "enaltecemento do terrorismo" e a "humillación ás vítimas" en Internet. O líder e cantante do grupo galego-madrileño Def Con Dos protesta pola súa detención e cre que "un Estado que se entenda democrático debería aceptar a crítica sociopolítica".
"Un Estado que se entenda democrático debería aceptar a crítica sociopolítica", di o líder de Def Con Dos
"Levo 25 anos exercendo un labor artístico independente na que a crítica irónica, e mesmo bufoneira, cara á contorna sociocultural marcou a miña traxectoria profesional e vital", explica o cantante, que di que "sempre" loitou pola "liberdade de pensamento", enfrontándose así "a un sistema que pretende que todo sexa analizado desde o pensamento único".
Strawberry insiste en que un Estado democrático "debería aceptar a crítica sociopolítica por áceda e incómoda que esta sexa, como parte do propio pluralismo político que a propia Constitución declara nada menos que no seu artigo primeiro, e non sinalar como inimigo político a quen pensa diferente e se atreve a expresalo así". O líder de Def Con Dos di "comprender e lamentar que algúns tuits ou mesmo as letras das cancións molesten algunhas persoas". Segundo varias fontes, o cantante tería sido detido por comentarios sobre un secuestrado por ETA, Esperanza Aguirre ou o GRAPO. Nun deles, de hai 16 meses e en referencia a Ortega Lara, actual militante do partido Vox, asegurara que "habería que secuestralo agora". Pero aclara que a el tampouco lle gustan moitos dos comentarios que le e escoita.
"Non podía imaxinar que o Estado respondería privando de liberdade o disidente político", explica
Porque malia "entender e lamentar" o que poida provocar algún dos seus comentarios, César Strawberry "en modo ningún podía imaxinar que o Estado ía responder privando de liberdade o disidente político que se dedica a escribir pensamentos satíricos, xa que sempre crear que, en Democracia, o pensamento non delinque". Ademais, lembra que pode ser "xulgado pola Audiencia Nacional e condenado até con dous anos de cadea".
"En todo momento", insiste César Strawberry, "considerei que esta actividade atopábase amparada pola liberdade de expresión, pero é obvio que era unha ilusión. O Gran Irmán quitou a carouta. Orwell tiña razón? A policía do pensamento veu buscarme e podo ser xulgado por un delito, cirmental? Pretenden encarcerar todo o pensamento satírico?", pregúntase.
"Pensei que esta actividade estaba amparada pola liberdade de expresión, pero é obvio que era unha ilusión"
No seu último chío en Twitter antes de ser detido, Strawberry fai referencia á información que publicou o martes El Mundo en portada sobre supostas conversas de presos de ETA a favor de que goberne Podemos "¡Ay, vá!, si yo voto a ETA", escribiu tras incorporar o enlace á nova.
Def Con Dos, grupo que lidera Strawberry -un dos máis de vinte detidos na operación da Garda Civil- é unha coñecida formación de rap-metal no Estado, caracterizada polas súas letras sarcásticas, humorísticas e irónicas contra a situación política, social ou económica de España. Desde finais dos 80, moitos dos seus temas convertéronse en himnos recorrentes para a mocidade rebelde ou, simplemente, para a crítica máis retranqueira.
No medio de ácedas e duras cancións contra a corrupción, o consumismo, a clase política ou o sistema económico, Def Con Dos ten temas como Que Te Fagorishen, sobre o incidente sufrido por José Tojeiro, falecido hai tan só uns meses e coñecido pola seu curioso relato sobre o roubo acontecido na súa casa. Mesmo o grupo galego-madrileño foi protagonista do Xabarín Club, onde cantaba a canción Capitán Araña, unha curiosa coincidencia co nome da operación que acabou coa detención do seu líder. "O defensor da rapazada", dicía o tema. O vindeiro día 23, a banda ten previsto un concerto no Festival de Cans.