Cinco anos con Feijóo

Primeiro Consello da Xunta tras o retorno do PP ao Goberno © Vieiros

A noite do 1 de marzo de 2009 foi a da estupefacción na política galega. A vitoria do PPdeG nas urnas por maioría absoluta sorprendera a case todos e todas agás excepcións -no PSOE, por exemplo, un gabinete encabezado por José Blanco xa comezara a ordenar o relevo de Emilio Pérez Touriño o sábado anterior aos comicios-, mesmo nas filas conservadoras. PSdeG e BNG enfrontábanse a unha abrupta saída do poder tras unha campaña electoral que remataran noqueados polo marasmo popular de denuncias de suposto "desbalde" convenientemente amplificadas. O que durante catro anos fora coñecido como "novo Goberno" deixaba San Caetano cun aquel de decepción e unha morea de traballo por facer. No seu lugar chegaba un gabinete no que, cinco anos e unhas eleccións depois, só cambiaron catro membros.

Aquel que Feijóo alcumara como "goberno de dez" comezou a traballar baixo a bandeira da austeridade e cun baixo perfil político, motivado esencialmente polos "nons" que o presidente recibiu de quen elixira como conselleiros e pola tendencia presidencialista do xefe do Executivo. Houbo quen deu en denominar a Feijóo como "conselleiro de todo" dun Goberno que durante os primeiros tempos viviu basicamente de xestos: o acceso aos garaxes do complexo de San Caetano para amosar como o po cubría o Audi que utilizara Touriño, as chiscadelas a grupúsculos como Galicia Bilingüe ou a organización do Xacobeo 2010 centraron o inicio dun mandato marcado esencialmente por unha crise que, ao cabo, non era só cousa do bipartito.

Na actualidade hai 115.000 persoas máis sen traballo que en 2009

Tras media década Feijóo goberna un país con 30.000 habitantes menos e un saldo vexetativo peor que o de 2009, daquela as mortes superaban en 7.600 persoas os nacementos e agora fano en case 9.800, segundo datos do IGE. Na actualidade, atentendo aos propios datos oficiais, hai 5.000 empresas menos e o que o propio Goberno considera o principal problema do país, o paro, continúa a medrar: segundo a Enquisa de Poboación Activa agora hai 10 puntos máis de desemprego, que se traduce en 115.000 persoas máis sen traballo. Na actualidade hai 50.000 fogares máis con todos os seus membros no desemprego e, no caso da xente nova, hai 100.000 mozos e mozas ocupados menos que naquel 1 de marzo.

Feijóo mantén que reforzou o autogoberno, pero aparcou o Estatuto e non sumou ningunha nova transferencia

Nuns anos nos que o propio Feijóo insistiu en que a súa xestión reforzara o autogoberno por non acudir ao Fondo de Liquidez Autonómica e poderse seguir "financiando nos mercados", os que eran considerados como grandes temas de país ficaron definitivamente aparcados. Así, por exemplo, na súa investidura Feijóo comprometeuse a retomar a reforma do Estatuto de Autonomía na "primeira metade da lexislatura" e, tras dar novos prazos en varias ocasións, o proceso ficou definitivamente no esquecemento. No mesmo ámbito do autogoberno, a primeira lexislatura tras o retorno do PP foi a primeira en rematar sen ningunha transferencia de competencias novas e a segunda, polo momento, vai polo mesmo camiño

Unha oposición convulsa

O Goberno de Feijóo desenvolveuse, tanto na sétima como no que vai de oitava lexislatura, cunha oposición en recomposición case continua. Touriño dimitiu como secretario xeral do PSdeG ao día seguinte da derrota electoral do bipartito e Anxo Quintana deixou a portavocía nacional do BNG fixo o propio unha semana despois. Ambas formacións desenvolveron relevos relativamente rápidos e puxeron á fronte dos seus novos proxectos a Pachi Vázquez e Guillerme Vázquez.

Tras a segunda vitoria conservadora, PSdeG e BNG puxeron a Besteiro e Vence á fronte dos seus proxectos

O adianto electoral de 2012 permitiulle ao Vázquez socialista ser candidato á Presidencia da Xunta, opción á que non accedeu o nacionalista, quen continuou na portavocía nacional pero con Francisco Jorquera como cartel electoral, en virtude do decidido na axitadísima asemblea de Amio. Desa asemblea, precisamente, xurdiron as escisións do Bloque que reconfiguraron de vez o panorama político galego, con novas forzas como Anova e Compromiso por Galicia. Anova, a través da súa alianza con Esquerda Unida e os Ecosocialistas, formaron Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a coalición que irrompeu nas eleccións de 2012 sen ser quen, así e todo, de desbancar a Feijóo da súa maioría absoluta. Tras esa segunda vitoria conservadora José Ramón Gómez Besteiro e Xavier Vence colleron os temóns dos socialistas e do Bloque, respectivamente.

Este é, a grandes trazos, o escenario no que Feijóo fai cinco anos no poder, aniversario que se produce co argumentario do PP estatal centrado en facer ver unha recuperación económica que non remata de palparse entre o común da cidadanía. Mentres, en Galicia, casos de corrupción como a operación Pokémon e a máis recente operación Patos condicionan a axenda política e abren interrogantes acerca do futuro máis inmediato. Se Feijóo resiste ou non estas novas dificultades verase -se non hai novidades- en 2016.

Feijóo e a cúpula do PPdeG, celebrando a vitoria electoral de 2009 © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.